BNG, ERC, EH Bildu e Podemos piden o indulto para 'As 6 da Suíza'
Rexistran no Congreso unha proposición non de lei para liberar as sindicalistas condenadas pola súa participación nun conflito laboral en Xixón.
BNG, ERC, Podemos e EH-Bildu presentaron no Congreso español esta cuarta feira unha proposición non de lei (PNL) solicitando ao Goberno estatal que conceda o indulto ás seis sindicalistas asturianas coñecidas como 'As 6 da Suíza'.
As activistas, integrantes da CNT, foron condenadas a tres anos e medio de prisión pola súa participación en protestas fronte a unha pastelaría de Xixón, tras apoiar unha traballadora que denunciou acoso laboral e sexual en 2017.
A PNL subliña que non houbo violencia nin danos durante as protestas e denuncia un uso desproporcionado do Código Penal contra a acción sindical. Tanto a Fiscalía como o Goberno do Principado de Asturias expresaron o seu apoio ao indulto, destacando a conduta exemplar das condenadas e o sufrimento derivado dun proceso xudicial que se prolongou durante máis de oito anos.
Para os grupos asinantes, este caso representa un grave retroceso en materia de liberdades sindicais e dereitos laborais. A través desta iniciativa, instan o Executivo a actuar con urxencia para reparar o que consideran unha inxustiza, evitando que seis persoas sigan en prisión por exercer dereitos recoñecidos na lexislación española e internacional.