A banca lusa devolveu en 2024 22 millóns de euros por cobros indebidos
O informe de supervisión publicado a cuarta feira polo Banco de Portugal revela que en 2024 obrigou as institucións financeiras que supervisa a devolver ás persoas usuarias máis de 21,99 millóns de euros por comisións e xuros indebidos que lles cobrou.
Isto supón case o triplo das devolucións de 2023, que ascenderan a 8,25 millóns de euros.
70% do importe correspondente ao pasado ano está concentrado nunha única entidade, á que non nomeou, que durante anos incluíu unha cláusula nos contratos de hipotecas e créditos que nos casos de impagos determinaba a perda da bonificación sobre o valor do diferencial das dúas taxas de xuros utilizadas, e que o banco central estabeleceu que violaba a lexislación vixente.
Asemade, case 3,5 millóns de euros devoltos respondían a comisións pola renegociación de créditos, que os bancos seguiron a cobrar incluso despois de estar vixente desde xaneiro de 2021 unha norma que as prohibía aprobada polo lexislativo.
En 2024, o Banco de Portugal recibiu 22.542 reclamacións, 16% menos que en 2023, e fechou 24.975 expedientes, en 88% dos que non detectou irregularidades, o que si fixo en arredor de 3.000.
Baixada nas reclamacións
A diminución na cifra de queixas foi atribuída á fin do período de vixencia da lexislación orientada a apoiar as persoas usuarias perante a alza dos tipos de xuros, que no seu momento desatou un forte aumento das reclamacións, e polo “resultado das accións de supervisión” do organismo entre 2023 e 2024, asegura, que “reforzou os mecanismos internos das institucións, prevendo” a comisión de irregularidades.