Até 95.000 persoas están a piques de morrer de fame, doenzas e violencia en Gaza, denuncia a ONU

Gazatís asasinadas en bombardeos sionistas, esta semana. (Foto: Omar Ashtawy Apaimages / Zuma Press / ContactoPhoto)
A UE -que avala o xenocidio- condena o suposto ataque a siareiros sionistas en Ámsterdam.

A operación de limpeza étnica israelí no norte de Gaza está a impedir que entre 75.000 e 95.000 persoas palestinas reciban axuda humanitaria, reiterou na madrugada da sexta feira Stephanie Tremblay, voceira da Organización das Nacións Unidas (ONU), que insistiu en que están “en risco inminente de morrer por doenzas, fame e violencia”.

Como mínimo 43.508 palestinas e palestinos foron asasinados en Gaza no marco do xenocidio que está a perpetrar o réxime israelí desde outubro grazas ao apoio dos seus principais aliados, os Estados Unidos e a Unión Europea (UE). Ao respecto, o aval de Bruxelas aos masacres en Gaza contrasta coa rápida reacción a sexta feira das autoridades comunitarias e neerlandesas, que condenaron os enfrontamentos entre persoas propalestinas e israelís en Ámsterdam despois do final dun partido de fútbol, chegando a afirmar que se tratou de antisemitismo e que as israelís foron atacadas.

Non obstante, Jazie Veldhuyzen, edil progresista na cidade, debullou que os sionistas atacaron casas con bandeiras palestinas, o que levou a veciñanza a mobilizarse e “contrarrestar os ataques”.