Asociacións de usuarios denuncian bloqueos indiscriminados de páxinas web por orde de LaLiga e Movistar
O bloqueo de páxinas webs por parte de LaLiga e Movistar durante os partidos de Primeira División levou a que entidades como a Asociación de Internautas (AI), a Fundación España Dixital (FED) e a Asociación de Usuarios da internet (AUI) reiteraran ante e o Defensor do Pobo estatal a necesidade de que inste á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia a que interveñan de oficio ante os bloqueos indiscriminados que actualmente están a prexudicar en normal funcionamento das redes, cada vez que hai partido, por orde da Liga de Fútbol Profesional.
Non son as primeiras entidades en levar a cabo esta denuncia, o BNG levou ao Congreso unha Proposición Non de Lei que se garantise a precisión e proporcionalidade das medidas contra a pirataría audiovisual, evitando que continúen os fechamentos masivos de IP que deixan fóra de servizo milleiros de páxinas web e plataformas completamente lexítimas, incluíndo portais públicos e servizos de pagamento.
Agora, estas entidades, ante esta situación de trato discriminatorio por parte da Administración Pública, a Asociación de Internautas, a Asociación de Usuarios da internet, e a Fundación España Dixital, piden ao Defensor do Pobo que actúe de inmediato ante esta pasividade das institucións e a gravidade dos danos que segue provocando LaLiga para protexer o seu propio negocio e prexudicando outros.
As tres asociacións consideran que ademais, co seu silencio, os poderes públicos validan a vulneración impune dos artigos 9, 20 e 38 da Constitución española.
“As institucións do Estado que teñen capacidade suficiente, obrigacións e competencias para investigar e intervir de oficio nos feitos que denunciamos, mantéñense en silencio nunha inaudita e intolerábel pasividade, a pesar do notorio do asunto, tendo que mobilizarse a sociedade civil para a defensa das liberdades e a neutralidade da rede", sinala a presidenta da Asociación de Internautas,Ofelia Tejerina. Piden a actuación do Defensor do Pobo estatal de maneira "inmediata" e que cumpra as súas funcións, "amparando os dereitos fundamentais de internet".