A Asemblea Xeral da ONU chega marcada polas crises e conflitos no 80 aniversario da institución

Asemblea Xeral da ONU de 2024. (Foto: Europa Press / Contacto / Bianca Otero)
A principal polémica desta Asemblea Xeral da ONU vén marcada pola decisión do Goberno estadounidense de cancelar os visados para os membros da delegación palestina, incluído o do seu principal representante, Mahmud Abbas, que terá que intervir de forma telemática.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) reúne anualmente os e as principais líderes do mundo nun debate de primeiro nivel que, neste 2025, está marcado polos 80 anos transcorridos desde a creación da organización e por un amplo abano de crises e conflitos internacionais.

Esta sesión da Asemblea Xeral parte co lema 'Xuntas e xuntos somos mellores: 80 anos e máis pola paz, o desenvolvemento e os Dereitos Humanos', co obxectivo de remarcar que a organización "seguirá solidarizándose cos pobos do mundo nestes tempos tan difíciles, para tratar de forxar colectivamente un futuro máis pacífico, saudábel, igualitario e próspero", como explica o secretario xeral, António Guterres.

Con todo, o lema non pasa de ser unha declaración de intencións lanzada desde a propia ONU, cada vez máis posta en tela de xuízo pola súa escasa capacidade para incidir na resolución de conflitos e pola súa incapacidade de superar os vetos por parte dos estados con representación permanente no Consello de Seguridade.

O debate, que arrincará esta terza feira 23 de setembro e concluirá a segunda feira da seguinte semana, o 29 de setembro, brinda a oportunidade de escoitar de boca dos e das xefas de Estado e de Goberno as súas respectivas posicións sobre calquera aspecto que queiran tratar.

A sesión comeza cun primeiro chamamento formal da Presidencia da Asemblea Xeral, ocupada neste novo período pola ex ministra de Exteriores alemá Annalena Baerbock, e seguirá cunha intervención de Guterres. Con respecto aos estados, a orde vén marcada polo nivel da delegación, de tal maneira que primeiro interveñen os e as xefas de Estado, seguidas das de Goberno e das ministras.

Esta regra contempla unha excepción, xa que o Brasil intervén en primeiro lugar desde 1955, sen importar o nivel da súa delegación, e os Estados Unidos fano a continuación, en calidade de anfitrión da principal sede da ONU. Teñen dereito a participar os 193 estados que fan parte da ONU, aínda que se convida todos os anos ao Vaticano, á Unión Europea e a Palestina.

Precisamente, a principal polémica desta Asemblea Xeral da ONU vén marcada pola decisión do Goberno estadounidense de cancelar os visados para os membros da delegación palestina, incluído o do seu principal representante, Mahmud Abbas, que terá que intervir de forma telemática.