A Arxentina ofrece asilo político a Evo Morales, que xa está en Bos Aires
"Acaba de aterrar en Ezeiza (o aeroporto de Bos Aires). Vén para se quedar na Arxentina porque entra en condición de asilado e despois pasará a ter a de refuxiado", anunciou á primeira hora da mañá (hora local) desta quinta feira, 12 de decembro, o novo ministro de Asuntos Exteriores arxentino, Felipe Solá.
O chanceler arxentino confirmaba oficialmente deste xeito a chegada ao país do presidente constitucional de Bolivia, Evo Morales, que cun chío na súa conta do Twitter agradeceu todo o "apoio e solidariedade" recibidos por México, "país irmán que nos salvou a vida", e polo seu presidente, Andrés Manuel López Obrador.
Morales chegou acompañado da súa ex ministra de Saúde, Gabriela Montaño, e esta sexta feira está previsto que cheguen tamén o ex vicepresidente, Álvaro García Linera, e o ex ministro de Exteriores, Diego Pary Rodríguez.