A Arxentina marcha da COP-29 e Italia afirma que non hai alternativa aos combustíbeis fósiles

Giorgia Meloni a cuarta feira. (Foto: COP29 / DPA vía Europa Press)

Yunus pide a Occidente resolver o que estragou.

Após definir o cambio climático como unha “mentira socialista”, o Goberno de extrema dereita arxentino de Javier Milei ordenou ás máis de 80 persoas que integran a delegación negociadora do país que abandonen Bakú, a capital de Acerbaixán, que acolle desde a segunda feira a COP-29, a cimeira anual sobre cambio climático da Organización das Nacións Unidas (ONU), confirmou a cuarta feira o xornal The Guardian.

En paralelo, outro Executivo de ultradereita, mais neste caso o de Italia, defendeu por medio da primeira ministra Giorgia Meloni que “polo momento non hai alternativa aos combustíbeis fósiles”, algo que contradín os datos, pois até 30% da electricidade mundial está a ser producida por enerxías renovábeis, confirmou o Global Electricity Review 2024, e pediu impulsar a enerxía nuclear e o gas natural.

Asemade, o líder de Bangladesh, Muhammad Yunus, que acusou os países occidentais de, como co colonialismo, ser os responsábeis do quecemento global, criticou que haxa que negociar con eles o financiamento climático. “Ti estás a causar o problema e logo o resolves”, incidiu.