Arxentina anuncia a súa retirada da OMS
O Goberno de Arxentina que lidera Javier Milei anunciou esta cuarta feira que se retirará da Organización Mundial da Saúde (OMS) por “profundas diferenzas” co organismo “especialmente durante a pandemia” da Covid-19 e buscando “soberanía” nacional en temas sanitarios, unha medida que segue a liña marcada por Donald Trump nos Estados Unidos.
O Goberno de Javier Milei responsabiliza a OMS e o anterior Executivo, encabezado por Alberto Fernández, do “encerro máis longo da historia da humanidade”, ao tempo que acusou a OMS de deixarse contaxiar da “influencia política dalgúns estados”, en palabras do portavoz presidencia, Manuel Adorni.
A oficina de Javier Milei considera que a OMS “fallou na súa maior proba de lume” ao promover “cuarentenas eternas sen sustento científico”, provocando “unha das maiores catástrofes económicas da historia mundial”. Cre incluso que este modelo, avalado no seu día por expertos médicos, “podería catalogarse como un delito de lesa humanidade”.
“No noso país, a OMS respaldou un Goberno que deixou as crianzas fóra da escola, centos de milleiros de traballadores sen ingresos, levou a comercios e Pemes á quebra, e aínda así custounos 130.000 vidas”, sinalou a Presidencia nun comunicado no que di agarrarse á “evidencia”.
“Os arxentinos non imos permitir que un organismo internacional interveña na nosa soberanía, moito menos na nosa saúde”, sentenciou Adorni, que descartou que a medida pode afectar dalgunha maneira ao sistema sanitario arxentino porque non recibe financiamento algún da OMS. Neste sentido, alegou en rolda de prensa que a saída dará a Arxentina “maior flexibilidade” á hora de tomar as súas propias decisións.
Seguindo a Trump
Bos Aires non puxo prazos sobre a mesa, se ben non se tratará en ningún caso dunha ruptura inmediata, porque debe pasar un ano desde a notificación formal da retirada até a saída final da OMS. A Administración Trump xa deu este paso en xaneiro, na mesma semana en que o magnate tomou posesión do cargo para volver á Casa Branca.
Milei e Trump comparten unha visión crítica dos “organismos supranacionais”. A Presidencia arxentina sinalou que este tipo de institucións “financiadas por todos” non cumpren os obxectivos para os que se crearon nun principio e “dedícanse a facer política”, “impóndose” incluso por riba dos Estados membro.