Esta é a arrepiante historia da Colonia Dignidade, o lugar de tortura e abusos en Chile que Kast se nega a expropiar e lembrar

Entrada da Colonia Dignidade nos anos 1980. (Foto: Marcelo Fernández / DPA)
Boric impuxo a expropiación de Colonia Dignidade para ser un espazo de memoria, mais Kast parouna.

Varias organizacións non gobernamentais de Chile rexeitaron a decisión do Goberno liderado polo ultradereitista José Antonio Kast de frear a expropiación de Colonia Dignidade e amosaron a súa preocupación de que isto sexa a antesala dun retroceso en materia de Dereitos Humanos.

Colonia Dignidade foi creada en setembro de 1961 co suposto obxectivo de "prestar axuda á nenez". Liderada polo ex militar nazi Paul Schafer, recibía importantes subvencións estatais.

Schafer, que fuxiu de Alemaña acusado de abusos sexuais contra crianzas nun orfanato, instalouse na comuna de Parral, a uns 380 quilómetros ao sur de Santiago, e trouxo con el un grupo de menores que foron secuestrados e  adultos que se trasladaron por conviccións relixiosas, boa parte con conexións coa Alemaña nazi.

Os altos mandos da comunidade exercían unha constante vixilancia e impuñan castigos a quen se apartase da disciplina imposta por Schafer.

Coa chegada de Salvador Allende en 1970, o nazi e os seus partidarios empezaron a vincularse coa organización paramilitar de extrema dereita Patria e Liberdade, participando en actos violentos contra o Goberno chileno e chegando a colaborar mesmo cos preparativos para o golpe de Estado no ano 1973.

Con Augusto Pinochet, o asentamento converteuse nun lugar de represión entre 1973 e 1978, onde se levaron a cabo tácticas de tortura nazis contra opositores.

Patricio Aylwin tentou pór fin á colonia en 1991 e Schafer acabou acusado polos seus crimes en 1996, mais fuxiu á Arxentina. En 2005, foi atrapado e condenado a 30 anos de cadea por violación, tortura, asasinato e posesión ilegal de armas.

Gabriel Boric impuxo a expropiación de Colonia Dignidade para ser un espazo de memoria, mais Kast parouna.