Ardeu máis de 3% de Portugal, que rexistrou o seu peor incendio

Área queimada en Portugal o 22 de agosto de 2025. (Foto: Xun We / Europa Press / Contacto)
Todos os grandes lumes foron controlados.

O incendio que se desatou a partir da caída de dous raios nun cumio de difícil acceso no concello luso de Arganil, no distrito de Coimbra, o 13 de agosto, e que se estendeu até o pasado domingo, queimou 64.000 hectáreas, reportou a segunda feira a prensa portuguesa citando o Instituto de Conservação da Natureza e Florestas.

Isto convérteo no peor lume desde que hai rexistros en Portugal, superando as 53.000 hectáreas que arderon en 2017 no concello da Lousã, no mesmo distrito.

O Instituto estimou en arredor de 250.000 as hectáreas que sucumbiron fronte ás lapas este ano, unha cifra que o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais eleva á contorna de 280.000, o que supón 3,04% do territorio luso.

Os datos do organismo da Unión Europea (UE) sinalan que, en base ao seu territorio, Portugal é o país do bloque ao que máis afectaron os fogos, ao ver arder 1,05% do territorio de media anual entre 2006 e 2024, por riba de Chipre (0,32%) e o Estado español (0,16%), un díxito que neste exercicio medrou nestes dous últimos a 2,3% e 0,81% respectivamente.

Polo de agora, as autoridades transmitiron que, cando menos os grandes incendios, foron controlados despois de causar catro mortes. Así e todo, 40 municipios continuaban cun risco máximo de que se produciran novos lumes.

O presidente da Liga dos Bombeiros, António Nunes, subliñou que “estamos a usar ideas de hai 20 anos e temos que modernizarnos” á hora de combater os incendios, cuestionando que “a maior parte dos bombeiros foron chamados após o incendio” e incidindo en que o monte non está limpo a pesar dos investimentos nesa liña.

De feito, o pasado ano o plan nacional do ámbito programaba a limpeza dun millón de hectáreas, das que só se actuou en 400.000.

Cambio climático

Fenómenos extremos como os grandes lumes están a decorrer cunha periodicidade cada vez menor e unha intensidade maior por mor do cambio climático, un punto que lembrou Francesca Di Giuseppe, do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Medio Prazo, quen ratificou que, “se nada muda, Europa poderá ver un aumento de até dez veces da probabilidade de incendios forestais extremos nas próximas décadas, co Mediterráneo na liña da fronte”.

Non obstante, resolveu que “o clima e as condicións meteorolóxicas crean as condicións para os incendios, pero son as eleccións humanas as que determinan a escala do desastre”.