Albert Botran: "A revolución chinesa está moi ligada coa semente que plantou Lenin"

O historiador catalán Albert Botran, autor do libro 'Se Lenin levantase a cabeza'. (Foto: Roser Gamonal)

A editorial Tempo Galiza acaba de editar en galego o libro do historiador e dirixente nacionalista catalán Albert Botran Se Lenin levantase a cabeza, onde analiza o pensamento e a loita do revolucionario ruso.

—Cales son as razóns que o levaron a elaborar o volume Se Lenin levantase a cabeza e a que obxectivos responde este libro sobre Lenin?
Paréceme o revolucionario máis interesante porque Lenin non só loitou, senón que venceu e gobernou. O Lenin gobernante atópoo especialmente atractivo porque tivo que tomar decisións moi complicadas, rectificar rumbos, reformular as súas propias ideas. E a virtude de Lenin é que todo iso fíxoo sen deixar nunca de escribir. A súa enorme produción escrita convérteo nun pozo de coñecemento. A graza non é usalo como unha fonte de citas descontextualizadas, senón entender as súas palabras dentro dos debates e os problemas do momento.

Ademais, a revolución rusa supón o gran salto adiante da humanidade no século XX, acelerando tres procesos que aínda hoxe en día están en disputa: os dereitos da clase obreira, das mulleres e dos pobos oprimidos. Despois a URSS dexenerou, e no libro falo de até que punto foi responsabilidade de Lenin. Pero as liberdades conquistadas no século XX, máis aló de Rusia, é dicir a nivel mundial, non se explican sen o outubro vermello.

—O imperialismo volve a ser unha categoría central para explicar a realidade internacional, que analoxías e diferenzas presenta o actual co analizado por Lenin? 
Lenin xa intuíu nos anos 20 que as revolucións se desprazaban cara oriente como resposta ao imperialismo. Até entón o marxismo puxera todo o obxectivo en Europa. No século XX vivimos unha serie de procesos de liberación nacional e social en Asia, África e América, a maioría dos cales foron esmagados coa participación directa ou a axuda dos EEUU. Este intervencionismo, xunto con outras formas de dominación como a débeda externa, terminaron por afogar as alternativas ao imperialismo.

Hoxe o elemento máis discordante é China. A revolución China está moi ligada coa semente que plantou Lenin, pero que co tempo terminou adoptando un sincretismo que a converte nun proceso singular, con elementos capitalistas á vez que antiimperialistas.

Creo que o reto hoxe é unir estes procesos do Sur Global coas clases populares dos países do centro capitalista.

—Un dos aspectos que contribuíu á difusión do pensamento de Lenin fóra dos Estados centrais foi a súa análise da cuestión colonial e a súa alternativa para os pobos sen Estado, que achega o seu corpo doutrinal aos movementos nacionalistas e aos pobos que loitan pola súa soberanía?
Adóitase ver a revolución rusa como unha loita de clases sen protagonismo da cuestión nacional e non é certo. En todo o proceso que desemboca en outubro, por exemplo na revolución de 1905, ten unha gran importancia a cuestión nacional. Por iso Lenin teoriza sobre ela e marca un antes e un despois na tradición marxista. Lenin dálle a volta ao argumento que critica o nacionalismo por interclasista e sinala que precisamente é o nacionalismo dos Estados, que é máis forte aínda que pareza invisíbel, o que serve para manter ás respectivas burguesías no poder.