Afiliados de Amencer Dourado asasinan a puñaladas a un rapeiro anti-fascista grego

Pavlos Fyssas

Pavlos Fyssas foi acoitelado nun bar. Organizacións de esquerda, sindicatos e movementos sociais volven alertar do auxe do neonazismo

Pavlos Fyssas estaba nun bar do centro de Atenas cun grupo de amigos. Dous militantes do grupo neonazi Amencer Dourado entraron no local, achegáronse a este mozo de 34 anos e espetáronlle un coitelo no corazón para deseguido, darse á fuga. Outra versión sinala que foi apuñalado no transcurso dunha liorta.

O apuñalado é un rapeiro anti-fascista, militante na organización anti-capitalista Antarsya. Combinaba compromiso e música, cun hip hop de combate que levaba desde 1997 batendo.

A nova do seu asasinato propagouse coma o lume. Organizacións de esquerdas e sindicatos, alén de movemento sociais, alertan de que hai tempo que os neonazis pasaron calquer liña vermella. O auxe electoral de Amencer Dourado conlevou agresións a inmigrantes, sindicalistas, homosexuais, feministas,... e, agora, asasinato.

Detencións e protestos

Un dos asasinos xa foi detido. A policía confirmou a súa militancia en Amencer Dourado (algunhas enquisas dan a esta formación o segundo posto nuns comicios).

Nas últimas horas decorreron manifestacións e protestas de condena do asasinato e rexeitamenton do fascismo. En barrios e vilas houbo concentracións nas que se sinalou directamente a AD como responsábel do asasinato.