Os activistas da Global Sumud Flotilla foron trasladados a unha prisión no Naqab
O Movemento Global para Gaza denuncia a falta de información oficial tras o asalto israelí á misión humanitaria.
O Movemento Global para Gaza – Galiza fixo pública esta sexta feira unha actualización sobre a situación das persoas participantes na Flotilla da Liberdade, interceptada polas forzas israelís no Mediterráneo. A organización denuncia que a opacidade das comunicacións coas autoridades israelís impide coñecer con precisión o estado das persoas detidas.
Segundo fontes consulares do Estado español, até o de agora non houbo posibilidade de contacto coas persoas secuestradas, polo que se agarda recibir información ao longo do día. Entre as detidas atópanse a galega Sandra Garrido e o patrón Manuel López, integrantes da delegación galega na misión.
As avogadas da organización palestina Adalah desprazáronse até o centro de detención situado na fronteira con Exipto e tiñan previsto reunirse esta sexta feira con representantes consulares para tratar de acceder ás activistas.
O Movemento Global para Gaza confirmou que as persoas participantes na flotilla foron trasladadas a unha prisión na área do Naqab, no sur de Palestina, á espera dun posíbel proceso de encarceramento. Nese contexto, subliña que a presión diplomática internacional é "esencial para garantir a súa liberación segura e rápida".
No deserto do Naqab atópase a prisión de Sde Teiman, tristemente coñecida polas cuantiosas denuncias de torturas a presos e a filtración de imaxes nas que se vía un grupo de soltados agredindo sexualmente un detido palestino.
A organización denuncia tamén a campaña de descrédito lanzada por representantes israelís contra a misión civil humanitaria, unha estratexia que interpreta como reacción á firmeza e solidariedade mostrada polas activistas.
Tras as mobilizacións decorridas o 2 de outubro en varias localidades galegas, xuntando milleiros de persoas nas rúas, o Movemento chama a manter a presión social e a participar na acción de protesta prevista o 4 de outubro no Grove contra a presenza do ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert no 'Foro La Toja'.
Así mesmo, fai un chamamento a encher a Praza do Obradoiro na manifestación nacional convocada para o 5 de outubro en Compostela en solidariedade co pobo palestino. "Poderán deter a flotilla, mais a nosa misión continúa: denunciar o asedio ilegal a Gaza, o xenocidio e a ocupación, e reclamar a liberdade e o dereito de Palestina a construír o seu propio futuro", conclúe o comunicado.