Acordo intra-belga que podería desbloquear as negociacións con Ottawa
Os entes sub-estatais e o goberno belga acaban de alcanzar un acordo sobre a asinatura do CETA, anunciou o primeiro ministro estatal, Charles Michel.
As negociacións para a asinatura do CETA están a ter dous chanzos, o intra-belga e o de Bélxica co resto da UE e Canadá. No primeiro plano, o que apresentaba máis dificuldades, perante o veto de Valonia, acaba de se producir un acordo, segundo anunciou o primeiro ministro Charles Michel.
No flanco contrario a asinar o CETA nos seus termos orixinarios militaba Valonia, a rexión de Bruxelas capital e a comunidade francófona de Bélxica. O Executivo estatal mantivo conversas con estes entes sub-estatais e esta quinta feira -xusto o día en que estaba axendada a asinatura do acordo entre a UE e Canadá- fechouse un acordo intra-belga que satisfaría as demandas valonas.
"Valonia está extremamente contenta de que as nosas demandas teñan sido entendidas", dixo Paul Magnette, primeiro ministro valón.
Os termos do acordo intra-belga serán submetidos agora á consideración da Unión Europea e dos parlamentos de Flandes e Valonia, que se terán de pronunciar esta mesma feira sobre o seu contido.