A Galiza ignorada

O exilio galego do século XIV

Recreación do asasinato de Xoán Andeiro a mans do mestre de Avís, futuro rei de Portugal.Óleo de 1860 de José de Sousa custodiado no Museo Nacional de Soares dos Reis de Porto.

Abonda con reparar na represión que seguiu a revolución galega da segunda metade do século XIV para caer na conta do alcance da mesma. O uso indiscriminado do terror contra a poboación botando man de tropas mercenarias francesas ou o exilio en Portugal  e en Inglaterra de centos de galegos son exemplos significativos da dimensión desta revolta. Achegamos aquí a crónica dos exilios galegos do século XIV. Eis un extracto da peza, publicada no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza.

O proceso de incorporación subordinada de Galiza ao espazo castelán só foi posíbel mediante o emprego da violencia. A morte en Sarria en 1230 do rei galego Afonso VIII, cuxo reinado se caracterizou por un aberto enfrontamento con Castela, abriu a porta a anexión do país polo seu fillo Fernando III após violentar os dereitos da súas irmás dona Dulce e dona Sancha, designadas polo pai para sucedelas no trono e que representaban os intereses da nobreza galega e dun emerxente sector mercantil.

 

A defensa dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos mobilizarán o país contra o reis alleos ao longo do século XIII, primeiro en defensa dos dereitos das herdeiras lexítimas personificadas nas fillas de Afonso VIII e posteriormente na proclamación como rei de Galiza do fillo de Afonso X, Xoán I. A proposta programática defendida polo partido galego durante ese períodoserá retomada á volta do século XIV polos núcleos reitores da nosa sociedade dirixidos de xeito indiscutíbel por Fernán Ruiz de Castro.

 

A revolución galega do século XIV exemplifica a aposta das nosas clases dirixentes por seguir desenvolvendo as potencialidades nacionais do país fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas. Non foi a defensa da lexitimidade de Pedro I contra o seu irmán Henrique o elemento central que dinamizou a protesta galega a partir de 1366, senón o convencemento de que o primeiro representaba os intereses da maioría social galega.

 

Movemento nacional popular

 

A propia continuidade da rebelión galega durante practicamente vinte anos após a morte do monarca é unha proba definitiva sobre as motivacións reais dun movemento que respondía a vontade de tronzar a dependencia do país dunha Castela hexemónica na área peninsular que aspira a reforzar o seu dominio mediante a conquista dos outros reinos. Os sucesos da segunda metade do século XIV son a expresión dun movemento de carácter nacional popular que se alonga desde 1357 até 1386 con diversos protagonistas e liderados e que só pode ser derrotada pola acción violenta de forzas alleas a Galiza.

 

A revolta galega só puido ser destruída pola represión. A partir da derrota en 1371 do exército galego comandado por Fernán Ruiz de Castro en Porto de Bois lévanse adiante unha serie de actuacións, sumarias e brutais, dos exércitos casteláns de Pedro Sarmiento e de Manrique contra as zonas centrais da resistencia, como Tui,Lugo ou a Ribeira Sacra, ao tempo que se procede á ocupación de numerosas localidades de importancia económica e estratéxica, empregando forzas de carácter mercenario.

 

[Podes ler a información íntegra no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]