Unha ducia de desvíos e miles de viaxeiras afectadas en Peinador pola falta de sistema antinéboa

O aeroporto de Vigo desconectou esta semana o sistema de sinalización para aterraxes. Só un avión conseguiu tomar terra este sexta feira.


Unha ducia de voos tiveron que desviarse esta sexta feira por dificultades para aterrar no aeroporto de Vigo. A desconexión do sistema ILS, que facilita as aproximacións en casos de condicións meteorolóxicas adversas, provocou o caos en Peinador ante a intensa néboa que cubría a terminal viguesa.

Máis de 1.300 persoas foron afectadas polos desvíos, a maioría cara o aeroporto de Lavacolla. Seis voos de chegada e outros seis de saída, con dirección Madrid, Barcelona e París, tiveron que cambiar a ruta de viaxe pola “falta de visibilidade” para aterrar en Peinador, segundo informou a páxina non oficial do Aeroporto de Vigo. Horas antes, a propia Aena confirmara as incidencias.

O sistema ILS non estará operativo de novo até xullo, para actualizarse a normativa europea

Só un avión de Iberia Express, que viña da capital do Estado, conseguiu tomar terra tras dous intentos de aterraxe. Os demais, dirixíronse a terminal de Compostela e a de Porto por seguridade.

A desconexión do sistema ILS, que tería evitado os desvíos, produciuse esta mesma semana. Non estará operativo de novo até xullo, para actualizarse a normativa europea. O sistema serve de guía as e os pilotos en situacións de mala visibilidade, habituais no aeroporto vigués.