A CNMV ve indicios de delito en De Sousa

O avogado dos accionistas minoritarios afirmaba onte que De Sousa debería acabar na cadea. A CNMV tamén ve indicios de delito na súa xestión. Por iso deu traslado do expediente da venda das accións á fiscalía.

 

A Comisión Nacional do Mercado de Valores xulga que De Sousa, empresario amigo do PP, podería ter usado información privilexiada para se desfacer de parte do seu pacote accionarial antes de a empresa ir ao concurso de acredores.

De Sousa vendeu accións por valor de 30 millóns de euros. Desa cantidade destinou 9 a un empréstimo a súa propia empresa. Así conseguiu dúas cousas: obtivo un mellor prezo na colocación dos seus títulos e converteuse en credor da compañía. En caso de concursos os credores son os primeiros en cobrar. O empréstimo tiña ademais condicións draconianas: un prazo de devolución de 3 meses a un xuro do 5 por cento.

Elvira Rodríguez, presidenta da CNMV, afirmou que De Sousa ao vender masivamente títulos sen llo comunicar ao organismo regulador podería ter incorrido nunha práctica de "abuso mercado", unha circunstancia que podería ter relevancia penal.

No plano político, até o de agora os máximos dirixentes do PP galego -quer Feijóo quer Puy- teñen evitado criticar a xestión de De Sousa, embora esta se teña traducido, alén das irregularidades que ve a CNMV, no segundo concurso de credores maior da historia de Galiza (cunha débeda monstrosa de 3.100 millóns de euros, só superada polos 7.000 millóns do concurso de Fadesa).