Ekintza Zuzena: 25 anos a pintar de negro a cruz branca da ikurriña

A revista Ekintza Zuzena cumpre un cuarto de século de existencia. E celébrao con palestras, coloquios, debates... en diferentes lugares de Bilbo ao longo deste mes de novembro. Acción directa, din. Tamén no pensar.

Ekintza Zuzena naceu na axitada Euskal Herria dos anos 80. Desde entón até hoxe (25 anos, 40 números) sufriu, ao igual que a sociedade vasca, importantes transformacións e variacións. Mais como el@s propi@s mateñen, “sempre tentando manter a filosofía orixinaria da autoxestión e unha liña libertaria, crítica e independente”.

Este mes de novembro foi o elixido para a conmemoración do aniversario: 25 anos de existencia dunha revista libertaria en Euskal Herria. Un cuarto de século no que as súas páxinas acubillaron debates do máis frutífero entre a cuestión nacional vasca e o pensamento libertario; ou sobre os novos suxeitos de acción. E moito máis: comezaron a espallar o pensamento decrecentista cando este apenas era un xérmolo para moit@s, analizaron sen medo o escenario represivo ou o ocio (mesmo o tinguidod e revolucionario) como un triunfo máis do capitalismo. Incomodaron, debateron, preguntaron, analizaron e posicionáronse. E nunca quixeron ser equidistantes.

Incomodar é premisa para libertar

Bilbo é a cidade onde, como se fose un comando itinerante de disedentes, este mes iranse desenvolvendo as palestras e actos de 25 urtemuga (aniversario). E os debates prometen: Sobre o feminismo autónomo, por exemplo. Ou rescatando a experiencia e a memoria das experiencias dos equipos de investigación de Egin e Ardi Beltza. Mais tamén para falar do proceso independentista catalán ou para o coloquio sob o título de 'capitalismo é crise' ou mesmo sobre o capitalismo e a saúde mental. E haberá tamén un debate en torno á traxectoria, problemas e retos do movemento libertario no que tomarán parte anarquistas galegos, vascos e cataláns.