O Partido Popular quere esconxurar o efecto “Feijóoy” durante a campaña

Feijóo e Rajoy na Moncloa
Núñez Feijóo tomará distancia de Mariano Rajoy, quen só participará en 3 ou 4 actos, cando en 2009 fíxoo en 41 ocasións. Temen que o efecto da política de recortes se salde cunha derrota o 21-O.

A campaña do Partido Popular centrarase na figura do seu candidato á reelección fuxindo da foto con Rajoy. O PPdeG limitará a só tres ou catro as participacións do Presidente do Goberno español en actos de campaña, unha cantidade mínima se se contrasta coas 41 visitas do líder do PP a Galiza durante os comicios de 2009.

Tampouco se agarda un grande número de “ministr@s paracaidistas”, como sería de agardar dado que a súa matriz madrileña é quen goberna no Estado. Prevese unicamente contar nalgunha ocasión coa ministra de fomento, Ana Pastor, para tentar rendibilizar o anuncio da chegada do AVE a 2018 co que o Partido Popular abriu recentemente o curso político.

A diferenza do deseño para Galiza o PP si implicará en maior medida ao Presidente do Goberno español e ministr@s na campaña das eleccións en Euskadi.

Con esta orientación o PP galego pretende tomar distancia do goberno central, co propósito de que os efectos da continuada vaga de recortes non lles afecten electoralmente. A estratexia consistirá en limitar por todos os medios a identificación Feijóo-Rajoy, ou “Feijóoy” como acuñou Francisco Jorquera. A dirección do PPdeG parece temer que os grandes procesos mobilizadores e de protesta contra as políticas antisociais do seu partido, tanto en Galiza como en Madrid, se convertan nunha derrota o 21-O. Sería a primeira despois da chegada a Moncloa de Mariano Rajoy e podería ser interpretada como unha censura á súa acción de goberno no Estado.