Vulcano, á beira da liquidación

Días determinantes para este estaleiro da Ría de Vigo, no que hai dúas décadas traballaban máis de mil persoas.

Vulcano vive horas decisivas para intentar evitar a liquidación. Se para esta sexta feira non logra financiamento para acabar de construír o ferry encargado por Trasmediterránea e que acumula retraso, irían á liquidación, en virtude do acordo co que saíron da situación de concurso.

 

Os traballadores calculan en 10 millóns de euros o importe necesario para rematar o Ferry. Os representantes do persoal reuníronse esta cuarta feira co alcalde de Vigo. Levan 2 meses sen cobrar e encadean o seu enémiso ERE.

 

Para esta sexta feira está prevista unha xuntanza na que estarán presentes representantes do estaleiro, do banco Santander, da Xunta, do Instituto de Crédito Oficial e da armadora que encargou o ferry, Transmediterránea. Para ese cita quérese conseguir os 10 millóns necesarios para rematar o buque encargado.

 

Hai dúas décadas Vulcano superaba os mil traballadores.

 

César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, advertía o pasado mes de outubro que non existían datos contrastados que apoien o “triunfalismo” da patronal nos medios de comunicación, que “está a enganar á sociedade” ao falar da necesidade de 2.000 ou 3.000 novos traballadores para o sector. Así, indica que agás Freire e Armón, con dúas ou tres unidades en carteira, a maioría de estaleiros están a construír un único pedido e non contan con previsións para o futuro. A iso sumaba a situación incerta de Vulcano.