Unha vendima que "supera as peores previsións": O SLG demanda axudas para a Ribeira Sacra
O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou esta cuarta feira a ausencia de medidas de axuda ante a crise no sector viticultor da Ribeira Sacra, polo que se comunicou co Consellaría de Medio Rural para exixir a posta en marcha de medidas para paliar a situación.
"A vendima rematou e as viticultoras e viticultores que deixaron as uvas sen vendimar, que as malvenderon a prezos moi baixos a particulares, ou que fixeron viño por non deixar as uvas sen vendimar, non coñecen a estas alturas ningunha medida das anunciadas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para mellorar a súa situación, máis alá dunhas escasas e tardías axudas para a destilación e unhas axudas futuras e incertas para a preservación da paisaxe que polo de agora nin sequera foron convocadas", explicou o sindicato agrario.
Por este motivo, a organización dirixiuse á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para reiterar a solicitude de convocatoria dunha mesa de traballo "na que esteamos presentes todos os actores da DO, ou polo menos que fagan pública e coñezamos a suposta folla de ruta para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra".
Escasa recollida de uvas tintas
Unha vez rematada a vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, os datos publicados polo Consello Regulador constatan unha diminución de recollida nas uvas tintas de 1.780.408 quilogramos con respecto ao ano pasado, explica a organización.
"Para unha DO pequena como esta, a diminución supón máis dunha cuarta parte con respecto ao 2023, case 27%. Esta cifra supera as peores previsións, dado que este ano houbo unha boa colleita e, polo tanto, en ningún caso inferior á de anos anteriores", manifestou o SLG.
"Se a isto sumamos que estamos vendo nas grandes superficies viños a moi baixos prezos coa contraetiqueta da Ribeira Sacra, cada vez resulta máis difícil ver un futuro para o sector viticultor", concluíu o sindicato.