Varias empresas unen os destinos de Alcoa en San Cibrao e a mina de Touro

Planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo. (Foto: Arxina).
Accionistas de Atalaya Mining emerxen entre as empresas que poxan pola planta galega Alcoa en San Cibrao

Atalaya Mining non se rende. A firma que tentou reabrir a mina de cobre de Touro até que a Xunta botou por terra os seus plans ao rexeitar a declaración de impacto ambiental volve á carga cun novo proxecto da man de Explotacións Galegas, a empresa titular dos dereitos mineiros.

A compañía dará a coñecer os seus plans esta quinta feira ante as súas accionistas, entre as que destaca Trafigura, unha empresa de capital suízo e con sede en Singapur que tamén se atopa entre as firmas candidatas a facerse coa planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

Trafigura controla 22,3% de Atalaya Mining a través da sociedade Urion Holdings, con sede en Malta, e conta cun representante no seu equipo directivo. Trátase de Jesús Fernández, xefe de fusións e adquisicións de Trafigura, que exerce como director non executivo da mineira.

Mais Trafigura non é a única das firmas interesadas na planta de aluminio da Mariña que emerxen entre o accionariado de Atalaya Mining. O nome que máis soou nos últimos meses para facerse coas instalacións da multinacional en Cervo, o de Liberty, tamén figura entre os principais accionistas do grupo. A súa filial, Liberty Metals & Mining Holdings, controla 14,2% da sociedade. 

Entre ambas as sociedades atópase a chinesa Yanggu Xiangguang Copper, con 22,2% do capital, e por detrás delas emerxe un investidor galego, Francisco García Paramés, que ostenta un 9,2% das accións a través do seu vehículo investidor Cobas Asset Management.

Sector descoñecido

No caso de Trafigura, o grupo suízo ten outros intereses mineiros no Estado español. A través de Atalaya Mining participa na explotación da mina de Río Tinto (Andalucía), modelo que quere replicar agora en Touro. 

Tamén controla 50% de Minas Aguas Teñidas (Matsa), na que vai da man con Mubadala Investment Company e que conta con outros tres proxectos mineiros en explotación en Huelva para a obtención de cobre e cinc.

Porén, a firma non conta con ningunha fundición de metais. A de San Cibrao sería a súa primeira adquisición neste segmento de negocio, un feito que podería ir na contra da súa candidatura.

Non acontece o mesmo no caso de Liberty. O grupo británico leva xa un ano detrás da planta de Alcoa en Cervo. Estivo perto de facerse con ela o pasado verán, mais as negociacións non chegaron a bo porto. 

Iso non impediu que Liberty seguise incrementando a súa capacidade produtiva pola vía das adquisicións. Mais un imprevisto problema financeiro puxo en cuestión a solvencia do xigante mundial das materias primas, até o punto de que chegou a solicitar un rescate no Reino Unido.

Actor relevante

De momento non se sabe como están a avanzar as conversas entre a multinacional norteamericana e as seis firmas interesadas en adquirir a planta de aluminio primario de San Cibrao ─a única do Estado español─. O que si, no caso de que caia en mans de Trafigura ou Liberty e o proxecto da mina de Touro prospere, estariamos a falar dun actor de especial relevancia no ámbito industrial e mineiro da Galiza.