Uns 4.000 operarios do naval cortan As Pías

O naval ferrolá segue a exixir unha solución
O cadro de persoal demanda carga de traballo e solucións á situación do sector.

O naval voltou,un ha vez máis, á rúa en Ferrol, nunha imaxe que xa é cotiá e que mostra até que punto a falta de carga de traballo está a poñer en serio risco a un sector fulcral para toda a comarca. Desta volta, uns 4.000 operarios sairon dos estaleiros de Ferrol e Fene e cortaron o tráfico nas Pías, tras manter unha asemblea. No decorrer da mobilización tamén foi precisa a intervención dos bombeiros para sofocar as lapas duns neumáticos incendiados na avenida das Pías.

Os anuncios da Xunta sobre o compromiso de Pemex de construir  buques quimiqueiros en Ferrol non acaban de convencer en gran parte do cadro de persoal, que ve neses anuncios máis propaganda que realidade, segundo teñen denunciado nos últimos días desde diferentes sindicatos.

Xornada de loita

“Pola comarca. Sen traballo, nin presente, nin futuro”, é a consigna baixo a que se desenvolverá a xornada de folga xeral parcial convocada pola CIG de Ferrol para este xoves 28 de xuño. A xornada de loita realizarase entre as 09:00 horas e as 15:00 horas e afectará a todas as actividades desenvolvidas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos empregados/as do sector público dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabana, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañon, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño.

A xornada de loita terá como eixo visíbel, informan desde a CIG, a manifestación convocada para ás 12:30 horas, dende o Inferniño. Porén, previamente haberá marchas de traballadores e traballadoras dende os principais polígonos industrias e centros de traballo para visibilizar nas rúas as reivindicacións da central sindical e animar a toda a cidadanía á participar da mobilización.