Unións Agrarias urxe a Xunta a fixar os custos de produción da viticultura
Unións Agrarias (UUAA) reclama á Xunta da Galiza que realice ou encargue un estudo de custos para a viticultura galega, a pouco máis de un mes de que comece a vendima nalgunhas zonas da Galiza.
Coa vista posta neste horizonte, o sindicato rexeita que as industrias teñan a "tentación" de "xogar cos prezos á baixa" polos aranceis cos que ameaza o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
Nunha rolda de prensa, a organización agraria recordou que "por lei" debe existir "un contrato cun prezo" antes de que as industrias recollan a uva aos produtores. Ademais, advertiu de que "non poden quedar uvas colgadas", como aconteceu o ano pasado con 350 viticultores da Ribeira Sacra.
UUAA advertiu tamén de que "denunciará" ante a Axencia de Información e Control Alimentarios calquera intento de "banalizar" este traballo, logo de reivindicar a "importancia" dun sector que fixa poboación e xera 400 millóns de euros de valor.