Un baldío industrial
Un percorrido por algúns dos polígonos industriais de Galiza deixa na persoa visitante unha imaxe preocupante: milleiros de metros cadrados baleiros, naves a medio construír e empresas que foron botando o feche por mor da crise. Porén, a Xunta segue promovendo o desenvolvemento de parques baseándose nunha demanda de chan discreta. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza número 298.
A creación de chan industrial no país transformou o mapa económico da Galiza e, tamén, a súa paisaxe, principalmente desde que en 1991 se aprobara o primeiro Plan de Solo Empresarial para sacar estas áreas dos cintos dos grandes núcleos urbanos nos que se localizaron inicialmente. Hoxe en día, hai no país 117 parques empresariais que suman máis de 47 millóns de metros cadrados de superficie neta. Paralelamente, estanse a habilitar novos polígonos e a ampliar os xa construídos para incrementar nun 50% (arredor de 25 millóns de metros cadrados) o chan dispoñíbel. E iso malia que perto do 10% da superficie xa creada está desocupada. No caso dos polígonos que promove a Xunta (dous terzos do total), existe na actualidade unha dispoñibilidade de solo industrial que rolda os 1,7 millóns de metros cadrados, aos que hai que engadir os que xestionan outras sociedades, como a estatal SEPES, encargada, por exemplo, de colocar o chan baleiro do terceiro polígono industrial do país, o naronés Río do Pozo.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]