A UE retira o bourbon da primeira partida de aranceis que imporá aos Estados Unidos a partir do 15 de abril

Reunión dos ministros e ministras de comercio da Unión Europea en Luxemburgo este 7 de abril. (Foto: Consello da UE / dpa)
Prevé unha recadación de taxas progresiva en tres fases como resposta á tarifas anunciadas por Donald Trump

A Comisión Europea sacou finalmente o whisky bourbon e o viño, como pedía Francia, do paquete de aranceis de até un 25% que activará a partir do 15 de abril a importacións procedentes dos Estados Unidos, na que será a primeira represalia á guerra arancelaria lanzada pola Administración Trump e que a UE empezará a recadar de maneira progresiva, en tres fases –abril, maio e decembro–

Así consta na proposta á que tivo acceso Europa Press e que o comisario de Comercio da UE, Maros Sefcovic, fixo circular entre as capitais na tarde desta segunda feira, ao termo dunha reunión extraordinaria cos ministros e ministras de Comercio da UE en Luxemburgo, onde recibiu o apoio xeneralizado dos estados membro á súa estratexia de combinar as primeiras contramedidas coa presión a Washington para buscar unha saída negociada á crise.

O documento será sometido a votación esta terza feira, 9 de abril, nunha reunión de técnicos dos Vinte e sete co obxectivo de que poida entrar en vigor xa o 14 de abril. Iso permitirá que unha primeira fase, a que se basea no primeiro catálogo de produtos gravados na crise anterior de 2018, e da que se excluíu o bourbon, se apliquen desde o mesmo 15 de abril.

Revisión contra novas represalias

Deste xeito, Bruxelas revisa a súa proposta de inicio tras "escoitar" as capitais, segundo dixo Sefcovic ao termo da reunión en Luxemburgo, quen adiantou que habería algún axuste, sen revelar cal. Trátase ademais, dun xesto cara a Trump, quen ao coñecer que o bourbon era parte das producións castigadas na primeira rolda de aranceis europeos avisou de que contraatacaría con recargas de "até 200%" sobre viños, champaña e outras bebidas espirituosas europeas.

O resto da lista, á que Bruxelas incorporou novos produtos para alcanzar o mesmo nivel de impacto que Estados Unidos xerará cos seus aranceis ao aceiro e aluminio europeos, poderase empezar a recadar a partir do 16 de maio, segundo consta no documento, fóra dos continxentes de soia e améndoas que quedarán para o 1 de decembro, polo calendario de colleitas.

O comisario, que fala en nome dos 27 en materia comercial e está a ser o interlocutor da UE con Washington nesta crise, avisou tamén desde Luxemburgo de que a represalia aos aranceis de 25% ao aceiro e aluminio europeos non chegaría ao nivel máximo de impacto de 26.000 millóns de euros que Bruxelas estimou inicialmente.

En concreto, a proposta prevé recargas de entre 10 e 25% sobre unha gama moi diversa de produtos, parte deles, os que se aplicarán desde abril, baseados no catálogo utilizado en 2018 e 2020, cun valor estimado de até 8.000 millóns. O resto son produtos engadidos e os servizos comunitarios estimaron que poderían ter un impacto de até 18.000 millóns de euros, aínda que finalmente Bruxelas optou por non chegar até o nivel máximo.

Estas contramedidas responden unicamente aos primeiros aranceis de Trump ao aceiro e ao aluminio, xa que o Executivo comunitario segue "calibrando" a resposta "firme e proporcionada" ao resto de aranceis de 25% que Trump decretou sobre as importacións de coches e compoñentes e de 20% sobre todas as importacións europeas.

Bens industriais

Pola súa parte, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, sinalou esta segunda feira a Unión Europea segue disposta a negociar unha saída á crise desatada polos EUA tras a imposición dun 20% de aranceis a todas as mercadorías, ofrecendo a Washington reducir a cero os gravames aos produtos industriais.

"Estamos dispostos a negociar con Estados Unidos. De feito, ofrecemos aranceis cero por cero para os bens industriais, como fixemos con éxito con moitos outros socios comerciais", afirmou a presidenta comunitaria en declaracións xunto ao primeiro ministro noruegués, Jonas Gahr Store, tras a súa reunión en Bruxelas.

Von der Leyen destacou que "Europa sempre está disposta a chegar a un bo acordo", aínda que apuntou que mantén "todos os instrumentos sobre a mesa", incluíndo a ferramenta anticoerción, para responder á crise aberta polo presidente Donald Trump. "Todos os instrumentos están sobre a mesa. Hai unha variedade de instrumentos diferentes e temos que ver como van as negociacións para logo decidir que instrumento utilizamos finalmente", explicou.

Plan de protección

Ademais, estas terza feira o Consello de Ministros ten previsto aprobar un Real Decreto para protexer á economía española do posíbel impacto dos aranceis impostos Trump. Trátase dun conxunto de medidas, anunciadas a semana pasada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que mobilizarán en total 14.100 millóns de euros co obxectivo de mitigar os efectos negativos da guerra comercial emprendida polos Estados Unidos "e tecer un escudo" que protexa á economía estatal.

Estas medidas conforman o que o Executivo denominou 'Plan de resposta e para o relanzamento comercial' e son adicionais ás adoptadas polo bloque comunitario para responder á decisión do presidente de Trump de impoñer uns aranceis do 20% á Unión Europea e do 25% para todas as importacións de vehículos fabricados no estranxeiro.