A UE pacta medidas contra a pesca non sostíbel en terceiros Estados: Bruxelas poderá restrinxir as importacións

Descarga dun barco de xarda no porto de Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O acordo, que aínda teñen que referendar ambas as institucións, sinala que o obxectivo destas novas normas é “salvagardar a sustentabilidade a longo prazo das poboacións de peixes compartidas e garantir, ao mesmo tempo, unha competencia leal para os pescadores europeos”.

O Consello e o Parlamento Europeo alcanzaron esta terza feira un acordo provisional para mellorar as normas comunitarias para combater as prácticas pesqueiras non sostíbeis permitidas por países non pertencentes á Unión Europea (UE) en relación coas poboacións de peixes de interese común.

O acordo, que aínda teñen que referendar ambas as institucións, sinala que o obxectivo destas novas normas é “salvagardar a sustentabilidade a longo prazo das poboacións de peixes compartidas e garantir, ao mesmo tempo, unha competencia leal para os pescadores europeos”.

Segundo estabelece a normativa vixente, cando se identifica un país que permite prácticas pesqueiras non sostíbeis a UE pode impor restricións, como prohibicións de importación.

Perante o regulamento revisado os países que non pertencen á UE “comprenderán mellor as circunstancias polas que súas accións poderían dar lugar a sancións”, recolle o texto.

O regulamento aclara o concepto de “falta de cooperación” e comprende unha listaxe de exemplos de “comportamentos non cooperativos”, entre os que está a negativa a consultar ou involucrar todos os países pertinentes.

O novo texto aprobado por Bruxelas tamén precisa que se pode considerar que un país permite a pesca non sostíbel se non coopera, non adopta, ou non fai cumprir as medidas de control precisas.

As medidas previstas poden aplicarse en todos os casos nos que se requira cooperación internacional, mesmo no contexto dunha organización rexional de ordenación pesqueira.

A Comisión Europea deberá informar ao Consello e o Parlamento dos avances ou das medidas adoptadas cando se identifica un país que "non coopera", así como das restricións ás importacións.