Von der Leyen ve o futuro da UE na enerxía nuclear: "Foi un erro afastarnos dela"
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou esta terza feira, no marco da cimeira en defensa da enerxía nuclear organizada en París por Francia e polo Organismo Internacional da Enerxía Atómatica (OIEA), que a Unión Europea mobilizará 200 millóns de euros para fomentar a implantación da enerxía nuclear no territorio comunitario, asegurando que o que se precisa agora é "combinar" a produción enerxética a través desta vía coas renovábeis.
"Europa cometeu un erro estratéxico ao afastarse dunha fonte fiábel e asequíbel de enerxía baixa en emisións", afirmou Von der Leyen durante a súa intervención nun evento no que o presidente galo, Emmanuel Macron, exerceu como anfitrión. A dirixente comunitaria equiparou a nuclear ás renovábeis porque ambas as dúas, defendeu, "teñen un papel crucial que desenvolver" na economía da UE.
"Non se trata de elixir unha ou outra, senón de traballar xuntas, que expresen todo o seu poder. Porque o que precisamos é o mellor sistema enerxético global posíbel: limpo, asequíbel, resiliente e europeo", xustificou. A Comisión Europea traballa co horizonte de 2030 para que entren en funcionamento proxectos de enerxía nuclear con "baixas emisións de carbono" e a partir de "tecnoloxías innovadoras", fronte aos reactores tradicionais.
Así, Von der Leyen asegurou que a UE busca agora que “esta nova tecnoloxía estea operativa en Europa a comezos de 2030”, defendendo que estes reactores poidan desempeñar un papel clave xunto ás centrais nucleares tradicionais dentro dun sistema enerxético máis flexíbel.
“Non só queremos reducir o risco destes investimentos en tecnoloxías baixas en carbono, tamén queremos enviar unha mensaxe a outros investidores para que se sumen”, explicou, subliñando que o impulso á enerxía nuclear forma parte dunha estratexia máis ampla para reforzar a competitividade industrial europea.
Von der Leyen enmarcou este anuncio na necesidade de abordar un dos principais problemas estruturais da economía europea: o elevado custo da electricidade. Segundo explicou, o desenvolvemento de tecnoloxías como a robótica ou a intelixencia artificial dependerá cada vez máis da dispoñibilidade de electricidade abundante e barata.
A presidenta da Comisión sinalou, porén, que Europa parte dunha situación de desvantaxe estrutural debido á súa forte dependencia das importacións de conbustíbeis fósiles, advertindo que a actual crise en Oriente Próximo volve poñer de manifesto esta vulnerabilidade.
Fronte a isto, Von der Leyen defendeu que a UE debe apoiarse nas súas propias fontes de enerxía baixa en carbono.