UE e Mercosur asinan en Paraguai o acordo de libre comercio coa ausencia destacada de Lula
Representantes da Unión Europea e Mercosur reuníronse este sábado en Asunción, en Paraguai, para asinar o tratado de libre comercio entre ambas as partes coa notábel ausencia dun dos principais impulsores do acordo, o presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva.
Con todo, a sinatura do acordo bilateral está rodeado dunha forte polémica na parte europea polos grandes desacordos do sector agrícola comunitario, que estivo manifestándose en distintas cidades en contra do pacto ao considerar que permitirá a entrada de produtos aos que non lle serán requiridos os mesmo estándares exixidos aos producidos na Unión Europea. Ademais, até media ducia dos 27 Estados da alianza, co liderado de Francia, votaron en contra da sinatura, mentres que Bélxica optou pola abstención.
Precisamente o presidente de Paraguai, Santiago Peña, puxo en valor o labor de Lula para fechar o pacto. "Lula foi un dos impulsores fundamentais deste proceso. No seu nome saúdo todos os líderes e visionarios do Mercosur que apostaron á integración no século XXI", afirmou Peña na súa intervención en calidade de presidente 'pro tempore' do bloque de Mercosur.
O mandatario paraguaio mencionou tamén o labor da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, para a sinatura deste "histórico" acordo. "É unha xornada que marca un fito ao unir dúas das rexións e mercados máis importantes do mundo, como o son Europa e América do Sur", resaltou, á vez que mencionou que ambos os bloques suman perto de 800 millóns de habitantes.
"Traballemos hoxe xuntos para construír unha nova irmandade, europea e americana", engadiu o presidente de Paraguai, que puxo en valor a aposta polo multilateralismo para superar as "tebras primixenias" do unilateralismo, citando unha lenda da orixe do mundo segundo a mitoloxía guaraní.
Despois, Von der Leyen tomou a palabra para resaltar a importancia dun acordo que supón "optar pola cooperación por diante da división". "Os países de América Latina rexeitaron a rivalidade e reafirmaron a democracia e uniron os pobos a través das fronteiras e os ríos", expuxo a presidenta da Comisión Europea.
Von der Leyen lembrou que UE e Mercosur suman "case o 20% do PIB global". "Este acordo envía unha mensaxe moi poderosa ao mundo. Reflicte unha elección clara e deliberada", explicou. "O acordo con Mercosur é o logro dunha xeración para beneficio das próximas xeracións. Longa vida á amizade entre os nosos pobos e entre os nosos países", concluíu.
Pola súa parte, o presidente da Arxentina, Javier Milei, advertiu de que a sinatura do acordo de libre comercio "non constitúe un punto de chegada", senón que "é un punto de partida dentro dun amplo plan de vinculación económica con diversos actores internacionais". "Celebramos alcanzar un obxectivo, mais sobre todo, estamos a ratificar un rumbo. A Arxentina elixiu a apertura, a competencia", resaltou.
Na cita de Asunción participaron tamén o presidente do Consello Europeo, António Costa; o presidente do Uruguai, Yamandú Orsi; o presidente de Bolivia, Rodrigo Paz, ou o ministro de Asuntos Exteriores de Brasil, Mauro Vieira.