Tres de cada dez persoas ocupadas no agro galego xa son asalariadas
O persoal asalariado non deixa de incrementarse no complexo agrario galego, sometido a un proceso de reconversión de fondo asociado a duros axustes nas últimas catro décadas como consecuencia da integración do Estado na Comunidade Económica Europea, antecedente da actual UE.
As tendencias na composición da poboación ocupada no sector agrario na Galiza atenden a mudanzas de fondo. Segundo os datos achegados pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) para 2024,unha de cada tres (34,4%) persoas empregadas no agro eran asalariadas, o que supón un incremento de 6,1 puntos en relación a 2015, cando a poboación asalariada agraria representaba 28,3% de toda a ocupación no sector. Neste sentido, a porcentaxe de asalariadas no complexo agrario incrementouse en 17,8% durante o citado período.
O número de empresarios agrarios con asalariados tamén marcou unha alza. Porén, neste caso o incremento foi máis reducido, pasando de significar en 2015 o 5,7% da poboación agraria ocupada a sumar en 2024 o 5,9%, rexistrando un aumento de dúas décimas, e en termos absolutos, de perto de 500 persoas. A este respecto, as cifras da EPA apuntan a unha suba da poboación asalariada como consecuencia da ampliación daquelas unidades produtivas que xa contaban con traballadores por conta allea.
O profesor da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Bernardo Valdês Paços sinala a Nós Diario que “este incremento da poboación asalariada no sector agrario responde a diversas razóns, como son o aumento das Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), que en moitos casos responde á estrutura familiar e ao crecemento das explotacións, que require de xente de fóra das mesmas para atendelas”.
A repunta dos asalariados na actividade agraria é a expresión das profundadas transformacións do sector na última década. Nesta liña, destacan as mudanzas na tipoloxía das explotacións, até o punto de que aquelas granxas con máis de 100 cabezas de gando concentran 45,6% das vacas, malia representar só o 9,1% das explotacións. Pola contra, máis de 11.200 granxas con menos de 10 cabezas suman 4,3% das vacas, aínda que representan 42,8% do total das explotacións. Son precisamente estas últimas granxas as que acumulan o groso dos feches dos últimos anos.
A poboación feminina perde peso na actividade agraria. Neste sentido, Valdês explica que “cómpre salientar a crecente masculinización, pois "nos últimos oito anos o número o de mulleres reduciuse en 4,3 puntos, de tal modo que a porcentaxe de mulleres baixou de 44,1% a 39,8%, o que significa pasar de representar perto da metade a pouco máis dun terzo”. Nesta perspectiva, incide en que “a poboación das zonas rurais máis desertizadas está moi masculinizada, e ademais os traballos dos coidados seguen recaendo maiormente nas mulleres”.
O 31,7% das persoas ocupadas no sector agrario no ano 2024 tiñan 55 ou máis anos, fronte a 18,2% menores de 35 anos. Nesta dirección, Valdês salienta que “o elevado envellecemento dos que permanecen no sector fai prever que a caída da poboación ocupada no agro vai continuar con toda probabilidade nos próximos anos”. A este respecto, os dados achegados pola EPA indican que nese último ano traballaban na agricultura 53.800 persoas.
Unión Europea
Bernardo Valdês destaca que a poboación ocupada na agricultura diminuíu en máis de 361.300 persoas desde 1985, ano da integración do Estado español na Comunidade Económica Europea, o antecedente da Unión Europea. Neste sentido, en 1985 o campo galego empregaba, segundos as cifras da enquisa da poboación activa, 415.100 persoas, pasando a apenas 53.800 na anualidade de 2024.
“Se nos fixamos nas tendencias a medio e longo prazo”, apunta Valdês,"globalmente, nas catro últimas décadas, desde a integración europea, a poboación ocupada no sector agrario reduciuse na Galiza en case 90%, mentres que no Estado a diminución foi de 61%", o que evidencia a dureza da reconversión agraria acometida pola UE na Galiza. Sen ir máis lonxe, a agricultura galega destruíu entre 1985 e 1995 arredor de 191.200 empregos, coincidindo cos anos máis duros dos axustes impostos desde Bruxelas.