O agro galego mantén a presión e estende as tractoradas a Lugo e á Coruña

Centos de labregos e labregas mobilizáronse esta segunda feira en Lugo en defensa do sector. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Dúas semanas despois do inicio das protestas, o sector agrogandeiro galego continúa nas rúas. As mobilizacións chegaron esta segunda feira a novas cidades e manteñen como principal reivindicación o rexeitamento ao acordo da UE con Mercosur e a demanda de cambios na política agraria comunitaria.

O ruído dos tractores aínda se escoita nas rúas de Ourense 15 días despois de que o sector agrogandeiro galego dese comezo ás súas protestas e, máis de dúas semanas despois, continúa o eco das súas reivindicacións. Unhas protestas que, lonxe de esmorecer, continúan avanzando cara a novos puntos da Galiza e, malia que á altura de Xinzo (A Limia) esta segunda feira se liberaba a autovía A-52, cortada polas protestas labregas, as tractoradas, os cortes de tráfico e as concentracións ás portas de edificios institucionais seguirán até obter respostas concretas. Neste espírito de continuidade, A Coruña e Lugo sumáronse esta segunda feira tamén ás protestas. Até a manifestación da Coruña desprazouse a gandeira Diana Fernández. A marcha, convocada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) e apoiada por diferentes asociacións gandeiras, entre elas a organización Elas Eles, reuniu máis dun cento de produtores, agricultores e gandeiros. Fernández, que na mañá desta segunda feira se manifestaba fronte á Delegación do Goberno español na Galiza, destacou con orgullo a Nós Diario ser a terceira xeración de gandeiras da súa familia; porén, non está segura de que chegue a existir unha cuarta.

“O que se está vendo é que a política que están facendo non mira polo sector primario; o que fan é pór trabas aos produtores e produtoras”, critica. Sobre as consecuencias, o temor é real: “Moitas granxas fecharemos, porque o que están facendo é xerar burocracia para non deixarnos traballar”. Fernández ve nesta situación un problema estrutural e, entendendo que “o sector primario vai a menos”, asegura que “chegará o momento en que haberá máis incendios, o rural se abandonará cada vez máis e acabaremos por depender dos produtos de fóra”.

Con esta idea concorda o veterinario David Lama. Entende que “dos poucos que quedan facendo a remuda xeracional, fano realmente por vocación”. Unha vocación que, como asegura, non pode soportar a lexislación actual. Así, o veterinario defende que “se lles recortas fondos e os desprotexes ante calquera lexislación, ao final non vai quedar outra que fechar”.

Pola súa parte, en Lugo, un cento de tractores encheron as rúas para secundar a concentración convocada por Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema. Unha marcha que comezou ás 12 horas fronte ao edificio da Xunta de Galiza e que rematou cos tractores completando un percorrido pola Ronda da Muralla até chegar á Subdelegación do Goberno.


En calquera caso, tanto Diana Fernández como Alejandro Villaveirán, tamén gandeiro, piden “unir a todos os sectores da gandaría e da agricultura para facer máis fincapé e conseguir que nos fagan caso”. Neste sentido, Villaveirán destaca a unión da asociación Elas Eles cos colectivos lugueses, acordada esta segunda feira, para seguir facendo forza. Así, como asegura, esta terza feira "chegarán máis tractores a Lugo".

Unha unión que, se todo sae segundo o previsto, verase tamén reflectida na manifestación convocada para o próximo día 18. Unha mobilización que repartirá as súas forzas entre as cidades da Coruña, Lugo e Ourense e que conta co apoio da Federación Rural Galega (Fruga), que transmitía esta segunda feira nun comunicado “a necesidade de procurar alternativas para o sector agropecuario galego en campos como a redución das axudas da política agraria común (PAC) para o novo período 2027-32 e a necesidade de habilitar medidas preventivas perante as enfermidades animais que nos ameazan”.

Os tres piares clave

Alén do polémico tratado entre a UE e  Mercosur, estes son os outros dous piares das reivindicacións que estes días se escoitan nas marchas. As inquedanzas son varias. Así, Diana Fernández asegura que a principal preocupación en relación co acordo con Mercosur é que “o consumidor saiba que este tratado vai permitir que se importen alimentos con hormonas e con fitosanitarios que levan décadas prohibidos”. Unha idea á que se suma Villaveirán, quen, ademais, engade que isto suporía "unha competencia desleal, porque eses países teñen outros salarios, e outras condicións".

Pola súa parte, David Lama entende que unha das reclamacións principais sería conseguir “un prezo xusto para todos os produtos, tanto agrarios como gandeiros”. Neste sentido, alude a que, malia existir unha Lei da cadea alimentaria que podería garantir isto, esa lei “non se está a aplicar”. Sobre a PAC, Lama critica “un recorte de 22 % para a seguinte anualidade”, algo que, na súa perspectiva, “fala moito das intencións que teñen co sector primario”. No que respecta á posíbel previsión dunha vaga de dermatose nodular contaxiosa, o veterinario entende que, malia “ser unha enfermidade grave, máis graves son as medidas adoptadas”, entre as que destaca “o baleirado sanitario e a eliminación dos animais”. Ante isto, reclama ás administracións que “perciban que hai bastante preocupación e que non o deixen só en boas palabras e promesas”.


A Xunta recoñece a "inquedanza" do sector na Galiza

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu esta segunda feira após a reunión semanal do Goberno, a preguntas de Nós Diario, a “inquedanza” que o acordo co Mercosur está a xerar no sector primario galego. Ante esta situación, Rueda defendeu que “nós imos apoiar sempre o noso sector e agora mesmo iso pasa por ser exixentes, porque o acordo non se pode asinar sen salvagardas e sen que se teñan que cumprir as condicións que se lles exixen aos produtos galegos para seren comercializados”, criticando que, do contrario, “sería un acordo desigual”.Da mesma forma, asegurou tamén que, porén, entende que “é a Unión Europea a que está a negociar en nome de todos os países” e, por tanto, considera que non é competencia da Xunta, que, segundo afirmou, debe “favorecer o traballo conxunto”, e desbotou medidas concretas contra o tratado comercial.

Pola súa parte, a deputada do BNG Noa Presas criticou esta segunda feira que o PP galego “impedise cos seus votos” o rexeitamento á proposta de Mercosur, logo de que os nacionalistas levasen esta cuestión a debate no pleno do Parlamento da Galiza. Tamén en 2024, desta volta na Eurocámara, PSOE, PP e Vox opuxéronse a unha proposta apoiada polo grupo da Esquerda e polo BNG que buscaba rexeitar tratados de libre comercio como o de Mercosur.