Teresa Ribera aposta por un rearmamento da Unión Europea "cos seus recursos propios"

Teresa Ribera (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
Bruxelas anuncia esta cuarta feira o seu 'comité de crise'.

A vicepresidenta primeira e responsábel de Competencia da Comisión Europea, Teresa Ribera, manifestou esta terza feira que o rearmamento comunitario debe transcender conceptos puramente militares, á vez que avogou por que a Unión Europea (UE) afronte este proceso "cos seus propios recursos".

Así o manifestou Ribera un día antes de que Bruxelas anuncie a nova estratexia coa que pretende que a cidadanía comunitaria se prepare para emerxencias bélicas ou climáticas. Neste sentido, a Comisión Europea desvelará esta cuarta feira a creación dun comité de crise especial para dar resposta a potenciais situacións.

"Os cables submarinos rompen e non se sabe por que. Os servidores e os servizos básicos son 'hackeados' ou vemos como pode haber problemas de severa seguridade que, mesmo, chegan a cuestionar a viabilidade dos procesos electorais e, por tanto, a democracia mesma", dixo a responsábel comunitaria.

Neste sentido, Ribera augurou que nos próximos meses a UE deberá afrontar un debate sobre se é posíbel apostar por "tanques e manteiga" ou ben "tanques ou manteiga", isto é, privilexiar o gasto militar sobre o social, ou todo o contraio.

A vicepresidenta da Comisión Europea indicou que é certo que a UE necesita dotarse das "ferramentas suficientes" desde o punto de vista militar, mais advertiu de que non debe eludirse o efecto económico e político que o cambio climático ou o infrafinanciamento de "políticas de progreso" para a clase media poidan comportar.

"O concepto de seguridade estratéxica e autonomía estratéxica están enormemente vinculados, [mais] soamente co compoñente militar non resolvemos as cuestións de seguridade", resumiu a comisaria.

"Federalización da UE" 

Aínda así, Ribera sinalou que a chamada "Unión Europea da Defensa" estivo sempre no "imaxinario" da construción do proxecto comunitario, do mesmo modo que a unión de capitais, bancaria ou de enerxía. 

Así, avogou pola "federalización da UE" e por unha aposta "moito máis solidaria e coherente" que permita á alianza comunitaria non verse "esmagada" entre os Estados Unidos e a China, o cal podería dinamitar o bloque, que cualificou como a "maior aventura de paz, de éxito e de progreso vivida no mundo nos últimos séculos".