Técnicos de Facenda estiman en un terzo a quita da débeda galega á que Alfonso Rueda se opón
O Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) estima que a cancelación estatal da débeda da Galiza, que forma parte do acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, suporá unha condonación de 4.009.672.880 euros para Galiza; é dicir, 31,1% da débeda efectiva a xuño de 2025. Así o puxo de manifesto o sindicato no seu Congreso Bianual, inaugurado esta quinta feira na Coruña.
Os técnicos de Facenda recoñecen que a condonación da débeda das comunidades converteuse nun punto da confrontación política, e destacan o feito de que varios gobernos autonómicos manifestáronse en contra de que o Executivo español rebaixe a súa débeda, entre eles o galego, alegando que se "mutualiza" a débeda.
En opinión de Gestha, argumentar unha "mutualización" implica asumir que as comunidades autónomas son as que pagan os impostos, no canto da cidadanía e as empresas. Por iso, os técnicos reiteran que a cancelación de débedas é un axuste interno entre administracións públicas que non ten efectos cara ao exterior, e que non se ven afectados os compromisos de endebedamento público do Estado coa Unión Europea.
Gasto militar
A prórroga para 2026 dos Orzamentos Xerais do Estado e o seu impacto no gasto militar, tras as últimas ameazas do presidente dos EUA, Donald Trump, foi outro dos temas analizados no Congreso. Neste punto, os técnicos indican que a execución orzamentaria permite desvelar que até agosto deste ano aprobáronse modificacións de crédito e doutro tipo no Ministerio de Defensa por 6.247,6 millóns de euros, máis do dobre que en 2023 e 2024.