Suspendidas as feiras, certames e mercados con gando ante a dermatose nodular contaxiosa

Exemplar con sospeita de Dermatose Nodular Contaxiosa, nunha granxa do Estado español. (Foto: Ministerio de Agricultura)
Tamén quedará prohibida a entrada na Galiza de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como restrinxidas a esta enfermidade.

A Consellaría do Medio Rural cancelou desde este 27 de outubro todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando na Galiza para protexer os animais fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), segundo recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG) e xa avanzara a semana pasada o departamento.

Tamén quedará prohibida a entrada na Galiza de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como restrinxidas a esta enfermidade. Con todo, os bovinos que cheguen á Galiza con destino a sacrificio poderán entrar sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

Esta medida preventiva terá unha vixencia de 21 días, desde a publicación no Diario Oficial da Galiza, e poderá prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade. Así mesmo, segue activo o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións de fóra da Galiza, con destino a vida, desde a data da súa incorporación a explotacións de destino á Galiza.

Inmobilización de animais

Todos os animais das granxas que incorporen bovinos de fóra da Galiza estarán inmobilizados de forma cautelar durante o mesmo tempo. Esta paralización afectará aos bovinos que estean na explotación en data de entrada dos novos animais.

Ademais, a Consellaría do Medio Rural estabelece como medida obrigatoria desinsectar todos os bovinos que estean na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada á Galiza.

A Xunta avanzou que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellaría do Medio Rural farán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións sanitarias, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos. Con todo, Medio Rural lanzou unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade na Galiza e tampouco se transmite ás persoas.

Enfermidade vírica

A DNC é unha enfermidade vírica de alta difusión que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Esta enfermidade non afecta as persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade na Unión Europea, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio do Estado español, concretamente en Catalunya, e que continuou até a data con sucesivas notificacións de novos focos a nivel catalán, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC na Galiza. Por iso, co obxectivo de previr a entrada no territorio galego, a Xunta remarcou a "necesidade de tomar medidas sanitarias cautelares", para protexer o gando bovino da Galiza.