O SLG-CCLL cre "incoherentes" as medidas na Ribeira Sacra

Os socalcos da Ribeira Sacra son froito do traballo inxente de centos de homes e mulleres ao longo dos séculos. (Foto: AV Vilachá)
O Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas insiste en denunciar que “segue faltando a medida fundamental para os e as viticultoras que non tiveron quen lles recollera a uva: unha axuda directa no 2024 para paliar as perdas de ingresos”.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) afirma que en 2024 a crise de excedentes da Ribeira Sacra, que supuxo a inédita negativa da meirande parte das adegas a mercar a uva das pequenas e medianas produtoras da comarca, “está chamada a ser unha das prioridades a xestionar no 2025 no sector agroalimentario”.

A través dun comunicado, insisten en denunciar que “segue faltando a medida fundamental para os e as viticultoras que non tiveron quen lles recollera a uva: unha axuda directa no 2024 para paliar as perdas de ingresos”.

Neste sentido, critican que a Xunta da Galiza “segue obcecada en negarse a convocar unha mesa de traballo na que todo o sector poida ter voz e participar na famosa ‘folla de ruta’ para a denominación de orixe, que finalmente fomos coñecendo pola prensa logo de ser instrumentalizada para romper a unidade de acción sindical”. 

Por esta razón, denuncian que “como castigo cara o Sindicato Labrego por seguir mobilizándose canda as viticultoras e viticultores, a Consellaría do Medio Rural anulou a xuntanza xa comprometida coa nosa organización, non nos convocou a ningunha máis e escenificou ante os medios de comunicación xuntanzas -baleiras de contido- con outras organizacións agrarias”.

En relación ás axudas para a conservación da paisaxe do Goberno galego -as únicas con contías económicas directas- lembran que "paradoxicamente non están ligadas ás perdas por prezo ou a non poder vender as uvas, senón á superficie". Por este motivo, discrepan que a través delas "van cobrar os maiores importes as plantacións con superficies máis grandes, aínda que sexan de adegas ou persoas viticultoras que puideron vender a uva sen problema".