A segunda vida do lúpulo galego
A mediados do século XX, Galiza foi unha potencia no cultivo do lúpulo e Betanzos a súa capital. Alí, á beira da estrada N-VI, erguíase o secadoiro da Sociedade Estatal de Fomento do Lúpulo, desaparecido hai agora unha década tras anos da abandono. O coñecido como «ouro verde» pola súa elevada demanda e alta rendibilidade, é un dos ingredientes esenciais para a elaboración da cervexa. Das súas flores unha vez secadas extráese a lupulina, que é o compoñente que lle outorga o característico amargor e a esencia a esta bebida.
Na década dos anos 50, a comarca betanceira era un dos centros produtivos máis importantes do país e a zona máis importante no que se refire ao procesamento do lúpulo. O cultivo acadou o seu punto álxido en 1963. A partir desa data, a industria foi esmorecendo. Nos anos 70, moitos agricultores optaron por arrincar as súas plantas ante as esixencias da Sociedade Española de Fomento do Lúpulo, a entidade que xestionaba a produción, de entregar o lúpulo xa seco en lugar de fresco, o que disparaba os seus custos. Iso, sumado á migración do campo á cidade, fixo que o cultivo practicamente desaparecese.
Na actualidade, os produtores contan con sete hectáreas nas que prima a variedade Nugget e que se reparten entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde comezaron cunha parcela experimental en 2004 e agora teñen unhas dúas hectáreas; as 2,5 da cooperativa Lutega, e as algo máis de dúas hectáreas que xestiona directamente Cosecha de Galicia. A próxima primavera teñen previsto duplicar a superficie e incluír novas variedades, como a Cascade e a Galega.
Variedade propia
A Galega, como o seu propio nome indica, é unha variedade autóctona que xurdiu das investigacións levadas a cabo no CIAM nos últimos anos. Como explica Olmedo a Sermos Galiza, «é unha variedade de dupla actitude que presenta moi bo amargor e excelentes aromas», que é o que busca a cervexeira para darlle identidade ás súas gamas.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]