O sector vitivinícola pide solucións á "presión" dos produtos fitosanitarios

Primeira xornada das xornadas sobre o sector vitivinícola organizadas en Barro, esta cuarta feira 5 de novembro. (Foto: Fruga)
Expertos debaten sobre o futuro do viño en Barro.

A Federación Rural Galega (Fruga), a través da Asociación Galega de Viticultura (AGV) e coa Unión de Uniones, comezou esta cuarta feira no Pazo da Crega (Barro, comarca de Pontevedra) a primeira de dúas xornadas de traballo que reúnen expertas e expertos de referencia no sector vitivinícola para abordar cuestións chave como a colleita en verde, a destilación de crise, o uso de produtos fitosanitarios, as cepas híbridas, as técnicas de cultivo ou a comercialización dos viños galegos. O presidente da AGV, Roberto Rivas, puxo o foco nun “problema complicado” que padece o sector coa “presión dos fitosanitarios”.

Segundo explicou Rivas a Nós Diario, o seu uso na viticultura está a converterse nalgunhas zonas da Galiza, nomeadamente no ámbito da Denominación de Orixe das Rías Baixas, “nun problema social”. Sinala Rivas que no rural das Rías Baixas “hai xente sen viñas á que poden afectar estes tratamentos”, pero asegura que “están regulados e o que está por facer é cumprir coa regulamentación vixente”. Neste senso, sinalou que, “igual que non podemos pór viñas perto das casas, estaría ben non permitir facer casas no medio das viñas”.

Na xornada que esta cuarta feira comezou en Barro centráronse en “detectar problemas na viticultura galega para poder adaptarnos aos novos”, sinalou Rivas. Outra das cuestións analizadas foron as novas variedades, "híbridos que veñen de determinados países de Europa” que precisan “menos tratamentos” porque son variedades “de nova xeración, resistentes a enfermidades”, pero que o presidente da AGV critica que “están sen testar”, polo que demanda “campos de probas promovidos polas administracións”. "O curto prazo en viticultura son 200 anos”, dixo, co que para o sector “cometer un erro” con estas novas variedades é un problema.

"Calma tensa" no sector logo dunha "boa vendima"

O sector celebra, con contención, a “boa vendima” deste ano. Preguntado polas expectativas, o presidente da AGV afirma que “temos unha calma tensa e un medo contido”. Asegura que a deste ano foi “unha boa vendima”, pero no sector son conscientes do descenso das vendas. Os motivos, sinala Rivas, son variados, desde “o gusto dos consumidores por bebidas de menos gradación” até os “modismos, controis de tráfico ou os gustos da mocidade”. Todo iso está a provocar que “se venda menos viño, e temos unha colleita de escándalo”, recoñece.

Entre as persoas participantes nas xornadas desta cuarta feira e esta quinta feira en Barro destacan, alén do propio Rivas, Antonio Lombardía, presidente da DO da Ribeira Sacra; Xosé Manuel González Vilas, experto en agroecoloxía; Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro; María del Carmen Martínez, da Misión Biolóxica da Galiza; Xosé Antonio Meixide, do Centro de Investigacións de Mabegondo; Martiño Santos, do espazo enocultural Vide, Vide!, ou Noah Chichester divulgador estadounidense de viños galegos. A xornada desta quinta feira centrará o debate no papel dos viticultores nos Consellos eguladores e na viabilidade da viticultura ecolóxica, con intervencións de Mónica de Santos, en representación do Ministerio de Agricultura, e Xulia Bande, produtora en ecolóxico do Ribeiro.

Estas xornadas pretenden favorecer o diálogo, o intercambio de coñecemento e a posta en valor do viño galego, nun momento chave para o futuro da viticultura en Galiza. Participan medio cento de viticultores de fóra da Galiza, o que “serve para compartir experiencias e solucións”, di Rivas.