O sector mexilloeiro alerta do “perigo” da planaria, un verme invasor e depredador de moluscos
Mar, que hai 10 días dicía que non había constancia oficial da súa presenza en augas galegas, apunta que hai rexións "onde hai xa moitos anos que existe e xestiónase de forma habitual con outros patóxenos".
O achado na costa da Mariña da planaria, un verme que se alimenta de bivalvos como o mexillón, xera preocupación no sector produtor galego. Os seus representantes piden monitorizala e novas regulacións, mentres a Xunta da Galiza asegura que estuda o seu "risco real".
En declaracións a Europa Press, o presidente da organización de produtores de mexillón Opmega, Ricardo Herbón, e o secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galiza, Joaquín Garrido, reclaman actuar á Consellería do Mar mediante a monitorización da especie e normas de control para o baleirado dos tanques de lastre dos mercantes nos portos.
Pola súa parte, o departamento que dirixe Alfonso Villares, consultado por Europa Press, avoga por estudar o "risco real" da planaria e rexeita un "alarmismo excesivo".
O biólogo Daniel Prieto, da confraría de pescadores de Ribadeo, localizou un exemplar de planaria ('Postenterogonia orbicularis') durante unha mostraxe realizada nas últimas semanas. Avisou de que é unha especie invasora e depredadora tanto deste molusco como da ostra.
Despois de ser localizado na costa de Asturias, profesionais como Prieto ou o seu compañeiro Juan Trigo, do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), comezaron con estas mostras.
Pola súa parte, a Xunta afirmou hai 10 días, unha vez publicada a noticia do achado en prensa, que non existía constancia oficial da presenza na Galiza deste verme e engadiu que a especie "non está incluída en ningún catálogo de especies exóticas invasoras".
Preguntada de novo, ante a preocupación existente entre os mexilloeiros, entre outras cuestións pola falta de datos, a Consellaría advirte de que "a principal medida que se pode tomar nestes momentos é proceder á recollida da información dispoñíbel sobre a situación actual de distribución e abundancia da especie, e a súa avaliación a través dunha análise de risco rigoroso". "Non se debe fomentar o alarmismo excesivo sobre esta especie, e si é preciso actuar con rigor, prudencia e no marco do mellor coñecemento científico dispoñible", argumentan fontes de Mar a Europa Press.
Respecto diso, apunta de forma xenérica que a Xunta ten centros de investigación propios e técnicos que "están a realizar un seguimento do medio mariño e colabora en distintos proxectos coas universidades, centros de investigación da comunidade autónoma e outros grupos mediante convenios de colaboración, nos temas de interese".
Neste sentido, incide en que é preciso "realizar unha avaliación rigorosa do risco real que esta nova especie podería supor nos ecosistemas mariños Galiza e nos cultivos de bivalvos en particular.
"É un perigo"
O secretario do Consello, Joaquín Garrido, ve "claro" que este verme é "un perigo" para a produción de mexillón, polo que subliña que hai que monitorizala e esixe "responsabilidade" á Administración galega.
"Entendemos que algo pode fallar" e "hai que manter a vixilancia", resalta. E é que, segundo asegura, a presenza da planaria na costa galega "non é de antes de onte", senón que "vén de hai dous anos", cando "xa se puxo esta preocupación sobre a mesa".
Tendo en conta que "isto non é novo", descoñece o motivo polo cal nestes momentos se pon "máis de manifesto". En calquera caso, subliña que o cultivo de mexillón trae a colación "a importancia da circularidade" e de control de "especies indesexadas". "É crucial que se lle preste atención. Ver cando chegou, se está a ter un efecto no cultivo do molusco, se neses dous anos aumentou a poboación", insiste.
O presidente de Opmega, Ricargo Herbón, mostra a súa preocupación, aínda que afirma que "de momento" non hai constancia de que haxa presenza da planaria nas rías.
Así as cousas, expón, o sector traballa "con tranquilidade" e "pendente" do tráfico e das verteduras en portos, fronte aos que demanda "máis control". Noutros territorios "non che deixan baleirar os tanques de lastre" e hai "un control exhaustivo" nos portos, apunta. Iso, segundo indica, "aquí non está lexislado".