O sector do mar da ría de Arousa denuncia verteduras recorrentes na Pobra do Caramiñal e exixe a actuación "inmediata" da Xunta
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) denunciou esta terza feira en rolda de prensa a remisión á Consellería do Mar e a Augas da Galiza de senllas denuncias do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa pola detección de verteduras entre o 29 de setembro e o 3 de outubro na praia da Raposiña.
Segundo explicou o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, existe constancia por parte do sector de que estas verteduras se realizan "pola noite" e de que, "polo seu aspecto, poden ser presuntamente o resultado da limpeza de instalacións de transformación de alimentos" que operan na zona.
Na denuncia remitida á Xunta da Galiza acredítase que na semana do 29 de setembro ao 3 de outubro "foron visualizadas unha grande cantidade de nubes flotantes brancas" que eran máis densas nas proximidades da devandita praia e que se "ían dispersando até a entrada do Porto da Pobra do Caramiñal".
Segundo consta na denuncia diante dos órganos competentes do Goberno galego, sinalan desde a PDRA, o episodio de contaminación "foi especialmente intenso" o pasado 3 de outubro arredor das 5 horas. Diante destas verteduras "recorrentes", a organización exixiu á Consellaría do Mar a posta en marcha dun "Plan de actuación extraordinario de seis meses de duración", ao abeiro do artigo 13 do Decreto 136/2017 de 17 de novembro, de Ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas da Galiza.
Demandan do sector que o departamento que lidera Marta Vilaverde actúe comprobando a presenza destas verteduras recorrentes en horario nocturno (entre as 00 e as 6 horas), nas saídas dos emisarios das verteduras das fábricas e nas súas proximidades.
Tamén reivindican, de acordo coa normativa vixente, que a Xunta "contemple visitas periódicas de inspección (art. 16.1) a aquelas empresas que limpan periodicamente as súas instalacións polas necesidades específicas da súa produción de transformación de alimentos".
Piden ademais actuacións oportunas (arts. 17 e 18) para esclarecer documentalmente a listaxe de produtos de limpeza que utilizan e os protocolos pormenorizados que efectúan, así como a listaxe das persoas implicadas na súa execución e, sinaladamente, a persoa responsábel, ao efecto de poder pescudar e comprobar como e cando se realizan na práctica esas actividades.
Unha vez acometidas estas actuacións, desde a PDRA exixen que a Consellaría do Mar emita o informe correspondente, como recolle o artigo 22 do Decreto, para poder valorar a eficacia das medidas tomadas e propor melloras no control dos vertidos. Diante do problema que estes episodios habituais xeran na actividade pesqueira e marisqueira da zona, a PDRA demanda da Xunta "actuacións preventivas e paliativas" para protexer o medio mariño e os recursos deste "deterioro".
Para iso, a PDRA considera preciso que se coordine o departamento de Marta Vilaverde coa Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático e, sinaladamente, coa entidade Augas da Galiza, para levar adiante estas actuacións. Rubido destacou que, en paralelo á denuncia, a PDRA ten solicitado un encontro específico sobre este tema coa conselleira do Mar e tamén co director de Augas de Galiza.
Augas da Galiza "non cumpre" as súas obrigas legais
Noutro escrito dirixido o pasado 7 de outubro ao director de Augas da Galiza, Roi Fernández Añón, a PDRA advirte que este é "un fenómeno recorrente na costa da ría de Arousa nas proximidades de distintas fábricas de transformación de alimentos". Lembran desde o sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa que a Directiva Marco da Auga, unha norma legal da UE de rango superior, estabelece a xestión por demarcación hidrográfica, que inclúe as augas continentais, subterráneas, de transición e costeiras.
O sector apela ao artigo 11.6 da Lei 9/2010, de 4 de novembro, de Augas da Galiza, que estabelece "que é competencia de Augas da Galiza o exercicio de funcións de policía de verteduras desde terra ás augas do litoral", un organismo que legalmente é "responsábel" na consecución dos obxectivos da Axenda 2030 e que tamén por esta normativa ten obriga de "inspección e control das verteduras e das depuradoras en funcionamento das fábricas de transformación de alimentos".
A PDRA denuncia que "Augas da Galiza non cumpre co principio de 'quen contamina paga' estabelecido no artigo 191.2 do Tratado de Funcionamento da UE de 2007, o que supón na práctica que na Galiza sae máis barato contaminar e incluso botar directamente ao mar que ter as depuradoras a punto". Neste sentido, o colectivo exixe "coordinación" de Augas da Galiza coa Consellaría do Mar e demanda "os recursos humanos, materiais e técnicos necesarios para controlar eficazmente as verteduras de terra ao mar na ría de Arousa".
"Incompetencia e desidia cun dos motores económicos do país"
Xaquín Rubido criticou a "incompetencia e desidia" da Xunta da Galiza con este tipo de episodios recorrentes na ría de Arousa. "Somos o motor dun dos sectores económicos máis importantes do país, e temos que facer de policías de verteduras porque a Xunta non cumpre coas súas obrigas legais", dixo. "Estamos fartos" de instar Augas da Galiza a que "faga o seu traballo", engadiu.
Lembrou tamén Rubido que o sector tivo que acudir fai oito meses á Valedora do Pobo para denunciar a "falta de resposta" de Augas da Galiza diante do problema de falta de protocolos de desencoros, unhas actuacións "que cada ano provocan perdas cuantiosas ao noso sector". Oito meses despois "nin a Valedora conseguiu respostas de Augas da Galiza", denunciou Rubido.