O sector agrario exixe aplicar "medidas de prevención" ante a Dermatose Nodular Contaxiosa
A expansión de focos de Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) en Europa e a súa chegada a comezos deste mes de outubro a Catalunya ten “preocupados” aos sindicatos agrarios e gandeiros da Galiza. A Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA) demandan á Xunta da Galiza e ao Goberno español medidas efectivas de prevención e protocolos a respecto da expansión desta enfermidade entre a cabana gandeira galega.
Esta quinta feira, sindicatos de todas as comunidades con actividade gandeira no Estado español mantiveron unha reunión para compartir información a respecto da incidencia da DNC.
A gandeira e vicerresponsábel do sector lácteo do SLG, Ana Rodríguez, asistiu a esta reunión na que constatou que “no resto das comunidades tiveron reunións e información por parte dos seus respectivos Gobernos, mais nós só tivemos un correo electrónico da Consellaría do Medio Rural o 6 de outubro”, explica a Nós Diario. Afirma Rodríguez que “a situación é gravísima e na Galiza non hai información” por parte da Xunta. O SLG reclamou xa o pasado mes de xullo -cando apareceron os primeiros casos en Italia e Francia- a convocatoria por parte da Xunta do Consello Agrario, para analizar entre outras cuestións esta problemática do DNC. A resposta da Consellaría do Medio Rural foi que convocaría o Consello Agrario o pasado mes de setembro, algo que non aconteceu, polo que desde o SLG insisten na “urxencia” desta convocatoria.
Desde a Federación Rural Galega, o seu coordinador xeral, Manuel da Cal, sinala a Nós Diario que estamos diante dun problema “técnico e veterinario”, do que o sindicato tivo coñecemento polos focos no verán en Francia e Italia e a comezos de outubro en Catalunya. Diante destes focos certificados, Da Cal pide ás administracións correspondentes “que se adopten cantas medidas sexan precisas para impedir a propagación e extensión desta enfermidade contaxiosa”.
Desde UUAA, o seu voceiro, Félix Porto, sinala a este xornal que “hai moita preocupación” no sector gandeiro na Galiza por mor da DNC porque “é unha enfermidade que afecta gravemente o gando”. Demanda “transparencia e información aos gandeiros e ás gandeiras” e avoga por “situar o problema nos animais e transmitir tranquilidade absoluta para os consumidores”. Así desde UUAA refiren “moita preocupación” na Galiza e piden “seriedade” diante dos problemas que un caso de DNC pode significar en “calquera explotación galega de leite ou carne”.
Desde a Consellaría do Medio Rural, preguntados por este xornal, sinalan que “actualmente non hai casos de dermatose nodular contaxiosa na Galiza”, e a respecto das actuacións que a Xunta está a facer aseguran que “se continúa a traballar en labores de vixilancia e en insistir na prevención nas explotacións”, desde que se detectaron os primeiros focos en Francia e Italia.
Enfermidade de "categoría A" pola UE
A Dermatose Nodular Contaxiosa está considerada na Unión Europea como unha enfermidade de “categoría A” pola súa gravidade. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) vén de difundir un folleto informativo para que as gandeiras e os gandeiros da Galiza e do Estado español estean pendentes dun padecemento que “afecta o gando bovino e ten sido detectado na Unión Europea”, no que o departamento do ministro Luís Planas deixa claro que “en ningún caso afecta seres humanos”. Explican que as persoas “non son susceptíbeis á infección nin por contacto cos animais infectados nin por inxestión de produtos derivados deles”.
A sintomatoloxía máis evidente nos animais é febre e nódulos na pel, aínda que tamén pode provocar abatemento, anorexia, salivación excesiva, secreción oculo-nasal, agalactia -ausencia de leite nas ubres- e perda de peso. Na pel dos animais afectados fórmanse nódulos que provocan tumefaccións que adoitan necrosar ou infectarse. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, a morbilidade -proporción de exemplares que enferman- é de entre 5 e 45%.
Zonas de restrición e vacinación
Logo da aparición dos focos de Catalunya -dous a comezos de outubro, que xa son tres esta semana- en granxas de Castelló d'Empúries (Comarca do Alt d'Ampordá, Girona) ordenouse xa o sacrificio de 400 vacas e a vacinación de 100.000 tenreiros. A Generalitat de Catalunya anunciou a primeira liña de axudas aos afectados. Nestas zonas os protocolos pasan por aumentar as medidas de bioseguridade nas granxas e estabelecer zonas de protección. Nas granxas en que apareceron focos, as medidas de restrición abranguen zonas de 20 quilómetros de restrición de movementos arredor do foco e 50 quilómetros de vixilancia.
Os sindicatos pediron máis información ao Ministerio de Agricultura e confirman a Nós Diario que está prevista unha reunión na segunda feira. Entre os protocolos feitos públicos polo Ministerio diante desta enfermidade está a posíbel vacinación de emerxencia, pero “só vacinan en zonas restrinxidas”. Explican desde o SLG que o Ministerio adquiriu 500.000 vacinas contra o DNC, polo de agora só para as zonas onde se detectaron focos.
Temor no sector pola posíbel afectación económica
No sector do vacún de carne galego hai preocupación polos posíbeis efectos de futuro nas vendas nacionais e internacionais. Aseguran que os prezos “están a ser moi bos” e temen que unha expansión da enfermidade provoque efectos negativos do sector. A comezos da semana, o Goberno español decidiu suspender temporalmente o comercio de animais vivos con Marrocos, unha medida “preventiva” segundo sinalaron desde o Ministerio sen afectar exportacións de carne roxa nin derivados. A decisión do Goberno español pretendía “previr a propagación do virus e protexer a saúde animal e os intereses do sector gandeiro”, pero esta sexta feira mesmo reverteuse a medida, á espera do que vaia acontecendo. Desde Unións Agrarias, Félix Porto di que hai quer agardar “a si se rexionaliza o problema”.