O Santander borra a identidade do Banco Pastor na Galiza
OBanco Pastor, entidade fundada en 1776 e que chegou a ser a segunda por cota de mercado na Galiza, está a piques de desaparecer. No Rexistro Mercantil deixou de figurar no mes de abril de 2018, após da súa integración definitiva no banco que preside Ana Patricia Botín. Baixo o control do Popular, o Pastor logrou conservar parte dos seus sinais de identidade, como a marca, e mesmo recuperou boa parte da rede de oficinas na Galiza, a súa ficha bancaria e un consello de administración propio.
Pero os plans do Santander van por outro lado. Xa desde o comezo anunciou que tanto as marcas Pastor como Popular desaparecerían, perdendo así a oportunidade de dar continuidade a unha denominación histórica que se situaba entre as máis valoradas polas galegas. Co paso dos meses o nome Pastor foi desaparecendo das oficinas a medida que o seu novo dono foi cambiando a imaxe corporativa.
Exemplo da concentración
De feito, nos propios cantóns coruñeses, hai tan só dez anos convivían as oficinas de Banesto, Santander, Popular, Pastor, Caixa Galicia e Banco de Galicia (filial do Popular). Hoxe catro delas están xa rotuladas coas cores do Santander, unha fechou e a de Caixa Galicia transformouse en Abanca, previo paso por Novagalicia Banco.
Nas vilas máis pequenas, esa concentración traduciuse na desaparición de entidades. No caso das que conservan unha sucursal, adoitan ser todas de Abanca. A entidade presidida por Juan Carlos Escotet é a unica galega que sobrevive no panorama financeiro da nación e é a que maior cota de mercado rexistra, con máis de 36%. No caso dos concellos con dúas entidades, que son a maioría, o Santander é o segundo actor protagonista. A súa presenza débese á extensa rede con que contaba o Pastor e case sempre leva aparellada a perda de oficinas que no seu día ocupaban firmas como Banesto, Popular ou mesmo o Santander.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]