Pedro Sánchez anuncia exencións de 100% do IRPF para as propietarias de vivendas que as destinen a aluguer accesíbel
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta segunda feira unha exención de 100% do imposto da renda sobre as persoas físicas (IRPF) aos e ás propietarias de vivenda que as poñan en aluguer segundo o índice de referencia "sen necesidade de que estas se atopen en zonas declaradas tensionadas".
Ademais, adiantou un novo proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (Perte) para a construción de vivendas, así como outras medidas como un aumento dos impostos a compradoras extracomunitarias.
Así, Sánchez desvelou un paquete cunha ducia de medidas para facer accesíbel o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade, o principal reto ao que se enfrontan as sociedades occidentais, segundo indicou.
Así mesmo, anunciou a creación dun sistema de garantías públicas que asegurará a cobranza da renda do aluguer, mentres que ofrecerá aos e ás inquilinas unha maior oferta a prezo accesíbel e equidade no acceso. Unha medida que, dixo, estará en funcionamento este ano e se empezara aplicando aos e ás propietarias que aluguen a menores de 35 anos.
Vai pór en marcha, afirmou tamén, un novo programa de rehabilitación de vivendas baleiras destinadas ao aluguer accesíbel. Ademais, sinalou, outorgaranse axudas a aquelas persoas que reformen un piso para poñelo en aluguer accesíbel polo menos cinco anos.
O presidente do Goberno estatal propuxo tamén condicionar as vantaxes fiscais das sociedades anónimas cotizadas de investimento inmobiliario (Socimis) á promoción de vivenda en aluguer accesíbel coa intención de evitar que as Socimis que só se dedican á promoción de vivenda de aluguer de curta duración paguen menos impostos.
Por outra parte, aclarou que o traspaso de 15.000 vivendas da Sareb –xestiona case 30.000– xa está en marcha e que o resto mobilizaranse no ano 2026.