Análise

Renovábeis, territorio, xeración

Galiza alcanza unha produción de xeración eléctrica renovábel de 660 MWh/km2. (Datos: Rede Eléctrica de España e Instituto Xeográfico Estatal / Gráfico: Nós Diario)

Colectivo Bidán son Quico da Silva e Fernando Branco.

Son moitos e variados os retos e desafíos, en todos os ámbitos, que derivan da   substitución dunhas tecnoloxías de aproveitamento enerxético por outras. No campo da xeración eléctrica estarían, entre outros, as intensidades na utilización do solo e na demanda de emprego, con tendencias inversas.

Para mellor comprensión, situámonos nun caso concreto. A substitución dos 1.400 MW térmicos de carbón da xa pechada central das Pontes, considerando as horas equivalentes de funcionamento, precisarían o triplo de potencia eólica instalada ou dunhas trece veces máis fotovoltaica, para a mesma xeración anual. No laboral, referido a operación e mantemento, implica unha diminución dende os miles de traballos na fósil até unhas ducias nas renovábeis, sen entrar no cualitativo; en termos de superficie ocupada, a respecto dese concello, resulta nun incremento dende un 0,2% a un 10% no caso eólico ou a saírse do termo municipal no fotovoltaico; todo isto, na Galiza con máis de 85% dos seus concellos con algunha instalación de xeración eléctrica.

Dita situación é máis que coñecida polo alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña –cargo que ocupa co imprescindíbel apoio do BNG–, quen afirmou, segundo publica a propia páxina da Deputación: "Poderíamos ter un liderado máis consolidado se non houbera un parón xudicial e un populismo enerxético que afecta a dereita e a esquerda por igual e que nos está penalizando claramente. Galicia está perdendo postos e xa é a quinta comunidade en canto a liderado enerxético". Esquece que dentro do "populismo enerxético" estarían tamén as alcaldías do PSOE que se opoñen a parques eólicos. Estas declaracións fixéronse, non por casualidade, nun acto da patronal, e forman parte da campaña para forzar a instalación urxente de máis renovábeis na Galiza, na que fan comparación con Aragón, Castela-León, Castela-A Mancha etc., pero nunca con Madrid.

Galiza é, con moito, o territorio que obtén a maior produción de xeración eléctrica renovábel

Estas comparativas cometen varios erros, nomeadamente cando non fan referencia algunha á extensión de cada comunidade autónoma, como se isto fose un tema sen importancia, cando a "presión" é moi diferente segundo o seu tamaño. Os datos oficiais sitúan Galiza con case 30.000 km2, Aragón un 50% máis, Castela-A Mancha máis do dobre e Castela e León do triplo.

Por iso, é doado comprobar que Galiza ten a segunda maior densidade de potencia eólica instalada do Estado, con 0,13 MW/km2, só superada por Nafarroa con 0,15.

Xeración eléctrica real

No caso de abrir o abano a todas as tecnoloxías de xeración eléctrica renovábel, aínda que no caso galego a fotovoltaica é escasamente representativa, o informe publicado polo Observatorio de Enerxías Renovábeis do Foro Sella para o 2024 conclúe o seguinte: "Se a capacidade xeradora se pon en relación coa superficie territorial, as Comunidades Autónomas con maior intensidade de potencia renovable son Estremadura (0,27 MW/qm2), Galiza (0,26), Aragón (0,20), Nafarroa (0,20) e Murcia (0,18). Hai doce comunidades por debaixo da media estatal (0,17), coa Comunidade Valenciana (0,11), Illes Balears (0,08), Euskadi (0,07), Cantabria (0,03), e Madrid (0,03) á cola".

Mais o dato realmente relevante non é a potencia instalada, senón a xeración real, xa que se poden ter moitas instalacións renovábeis e xerar menos electricidade ca outras comunidades con menos potencia; iso depende do recurso, das súas horas equivalentes de funcionamento, e niso poderíamos empregar o slogan de Galiza Calidade, xa que os datos de 2024 sitúannos co maior número de horas equivalentes de xeración eléctrica renovábel, con 2.511, fronte ás 1.732 de Castela e León, 1.635 de Castela-A Mancha ou as 1.532 de Andalucía, mesmo das 1.991 de Aragón e das 1.435 de Estremadura, todas elas con maior potencia renovábel instalada.

Se consideramos o tamaño do territorio, Galiza é con moito a de maior produción de xeración eléctrica renovábel, como se pode apreciar no gráfico do encabezamento, con 660 MWh/km2, situación aínda moito máis favorábel na xeración hidroeléctrica, onde temos 343 MWh/km2, cando o resto está moi por baixo dos 200 MWh/km2.

Fica claro, pois, que a afirmación de que "Galicia está perdendo postos e xa é a quinta comunidade en canto a liderado enerxético" non deixa de ser outra máis do que podemos denominar o "cuñadismo enerxético" do presidente da Deputación da Coruña, onde o rigor nin existe nin se lle espera; nada novo neste cargo público que ten como modelo a hibridación entre Paco Vázquez e Baltar. Máis do mesmo, tamén na concepción de Galiza como terra de sacrificio enerxético.