Reforzar liñas eléctricas para consumir onde non se produce
Logo do apagamento do 28 de abril, e sen coñecer aínda hoxe as súas causas técnicas, era previsíbel que o oligopolio eléctrico, na lóxica causa-efecto, tirase beneficio económico deste suceso.
Xunto coa introdución da "necesidade" de re-negociación do calendario ordenado 2027-2035 de peche das centrais nucleares, é normal ver nos medios outra necesidade urxente: a de reforzar as liñas eléctricas de transporte e distribución; porén, pouco se informa que o custo deste reforzamento repercute directamente nos recibos eléctricos que pagamos, na súa condición de peaxe do sistema, incrementando así os ingresos das catro grandes eléctricas que teñen o monopolio da distribución.
A campaña mediática coincide, non por casualidade, co proceso de elaboración polo Miteco, coa participación da Xunta, da planificación 2025-2030 do desenvolvemento da rede eléctrica, no que é preciso levar ao detalle a localización xeográfica da demanda e da xeración eléctrica para o deseño concreto das redes e estabelecer as súas necesidades. Dito doutro xeito, a planificación decide onde se produce e onde se consome, iso si, todas as infraestruturas necesarias ímolas pagar nos recibos eléctricos.
Novo e maior consumo
No que ten a ver coa demanda até 2030, contémplase o aumento futuríbel do consumo segundo modelos xa estabelecidos –lembremos que Galiza ten unha tendencia á baixa, cos últimos datos de 2025 moi por baixo do consumo pre-Covid–, xunto coa incorporación de novo consumo derivado da transición e da súa electrificación, nomeadamente os proxectos de produción de hidróxeno verde e derivados, os centros de datos e a cadea de valor –tamén a da mobilidade eléctrica–, como demandantes de máis potencia. Para identificar as zonas de maior interese utilízase o criterio de "proxectos firmes e maduros no horizonte de planificación estabelecido", coas orientacións do Miteco e estado dos proxectos relativo a permisos de acceso, declaración de interese comunitario, axudas públicas, apoio das CCAA..., aspectos nos que Galiza está en desvantaxe a respecto doutras zonas como Andalucía, Aragón, Catalunya, Euskadi e Madrid.
A planificación perpetua o vello esquema de zonas xeradoras-zonas consumidoras, oposto ao do consumo de proximidade ou de quilómetro 0
Onde está ben situada é na hipótese das localizacións máis probábeis das futuras instalacións de xeración, que contempla maximizar a produción renovábel en función da distribución xeográfica do recurso e da súa ordenación –como os POEM na eólica mariña–, do prezo do chan, do interese das promotoras e mesmo da facilidade/dificultade de levar a cabo a tramitación. A aplicación de ditos criterios resulta nunha contribución galega ao aumento da potencia estatal de 16% na eólica terrestre, cun incremento duns 4,4 GW sobre dos 4 GW actuais e de 52% dos 3 GW estimados para 2030 na eólica mariña.
A planificación derivada desta metodoloxía posibilitará "acoller os novos fluxos, de carácter interzonal, que permitirán garantir a subministración aos novos consumos ao mesmo tempo que maximizan a integración de xeración renovábel", afondando e perpetuando o vello esquema de zonas xeradoras-zonas consumidoras, oposto ao do consumo de proximidade ou de quilómetro 0.
"Territorio de sacrificio"
Mais non queda aí. O investimento de 13.600 millóns de euros previsto para o reforzamento do transporte e distribución eléctrica no Plan 2025-2030, e do que a Galiza corresponde tan só un 2,5%, con infraestruturas xa incluídas na planificación anterior e que agora pasan ao 2030, imos pagalo vía recibo eléctrico entre todas, con independencia da zona de residencia e cunha rendibilidade para as distribuidoras fixada no BOE, moi superior ás ofertadas por calquera outro plan de investimento ou de aforro, mesmo público –na actualidade está en 5,6%, cunha proposta de aumento ao 6,5%, pero que as distribuidoras fixan nun 7-9%–, e sen discusión sobre da propiedade das mesmas unha vez recuperado o investimento polas empresas.
E neste alarmante contexto que anula o potencial de Galiza, o Goberno da Xunta fai política partidista, semella alporizarse e, aproveitando a situación, quéixase pola discriminación da provincia de Lugo (iso da demarcación de provincias xa abonda, menos deputacións e máis país!), cando a súa preocupación é Altri.
Porén, este deseño é ben claro, imos seguir sendo "territorio de sacrificio" e, ademais, imos pagar vía recibo, o reforzamento das liñas para exportar electricidade e xa postos a ser explotados, tamén pagaremos o reforzo para que consuman alí onde non producen. E aínda temos que escoitar a Ayuso e os seus lacaios internos falarnos das achegas de Madrid ás nosas pensións e a nosa sanidade. En fin.