Recursos de Galicia é unha empresa pública galega?
Colectivo Bidán. Quico da Silva e Fernando Branco
Unha das curiosidades nas empresas eléctricas que actúan na Galiza é que moitas delas teñen capital público no seu accionariado de Noruega, Catar, China, ... e tamén de Italia, como Enel, propietaria de Endesa, antes pública española e que hoxe, logo das “xestións” tanto do PP como do PSOE -e cunha axuda, moi ben pagada, na fase final de Acciona (Entrecanales)-, volveu ser pública pero italiana. Pola contra, non temos ningunha empresa pública galega de enerxía, como l’Energètica en Catalunya ou o Ente Vasco da Enerxía (EVE), as dúas 100% públicas.
Así, o nacionalismo galego vén propoñendo dende hai anos un cambio radical no sector enerxético, nomeadamente con dúas demandas fulcrais: a empresa pública de enerxía e a tarifa eléctrica galegas. Certo é que estas dúas medidas, xunto con outras que afectan a este sector, sempre foron rexeitadas, mesmo desprezadas, polos gobernos do PP na Xunta; pero a realidade vailles obrigando a dar pasos, a facer que fan, para acalar unhas reclamacións que medran en apoio social e que xa están normalizadas noutras Comunidades e noutros Estados con moitos menos recursos renovábeis.
Na obriga de aparentar que fai algo, creouse a finais do 2023 a empresa Recursos de Galicia (RdG), unha sociedade denominada público-privada, na que a Xunta só posúe o 30% do capital, o restante repártese entre 32 empresas privadas, en distintas porcentaxes. Mais o papel real de RdG é o de darlle cobertura política a determinados proxectos industriais de dubidoso valor social, como é a última operación coñecida nunha actividade mineira en Ourense. É dicir, carto público empregado para protexer beneficios privados coa coartada de serviren, cunha participación minoritaria, ao público.
RdG naceu cun capital de 15 millóns de euros e un compromiso de incrementalo noutros 85 millóns nos próximos 5 anos. Namentres, o EVE, entidade 100% pública, ademais de non recibir cartos do goberno vasco, suponlle uns ingresos anuais á facenda pública vasca duns 50 millóns.
RdG vén de comprar ao fondo de investimentos dun banco un parque eólico de 49,5 MW, sen construír, nos concellos de Ribadeo e Trabada; mais para esa viaxe non se precisaban alforxas, tan só intención e decisión política.
Recuperar as hidroeléctricas
A opción máis áxil e gratuíta para a participación pública, ao 100%, é a recuperación das hidroeléctricas con concesións vencidas ou caducadas, xa contemplada na lexislación. Un informe de Augas de Galiza (decembro 2021) estabelecía unha listaxe de 67 concesións hidroeléctricas extinguidas, en tramitación ou que rematarían até marzo de 2025, ás que deberíanse engadir as das concas do Cantábrico (2), Douro (2) e Miño-Sil (6). Coa prudencia que obriga a enorme dificultade para obter información sobre centrais hidroeléctricas pola súa dispersión e variación segundo o órgano consultado, a potencia mínima da totalidade das centrais que deberían ser públicas na actualidade superaría os 60 MW.
Ademais, podería o goberno galego introducir a obriga dunha porcentaxe mínima de participación pública directa nos proxectos de renovábeis, como xa teñen outros gobernos autonómicos. Mesmo tamén recuperar o mecanismo das poxas de capacidade con cesión de participación pública para a instalación dos parques eólicos, como fixera o nacionalismo no 2008 -co PP, o PSOE e un xornal á contra-, e que prevía uns 326 MW públicos. Sen entrar nas posibilidades e oportunidades para o almacenamento enerxético estacional e para a estabilidade do sistema eléctrico galego, que motivarían o interese da Xunta por algún dos grupos térmicos xa pechados.
No que ten a ver coa tarifa eléctrica galega, a Xunta, na súa obriga autoimposta, anunciou a creación durante o ano 2025 da RdG Comercializadora Galega de Enerxía, da que, segundo a “prudente” Consellaría de Economía e Industria, “os sectores estratéxicos da economía galega e os veciños das infraestruturas de xeración da enerxía poderán beneficiarse de descontos do 50% respecto do prezo medio de mercado”. Mais, a estas alturas, da comercializadora e do desconto nada se sabe.
Na medida en que o nacionalismo é quen de explicar e socializar o funcionamento do sector eléctrico, as posibilidades de Galiza en recursos renovábeis, dos desequilibrios entre beneficios das enerxéticas-retornos para o noso País e entre zonas xeradoras-zonas consumidoras... a sociedade galega é cada día máis consciente das súas capacidades, obrigando a Xunta do PP a aparentar que fai. Por iso, tamén debemos desmontar estas aparencias e, por iso, seguir petando.