Aumento de custos enerxéticos e loxísticos: a prolongación da guerra contra Irán achega á Galiza o risco dunha crise económica
Duración. Esa é a clave que sinalan as persoas expertas consultadas para analizar as posíbeis repercusións da guerra principiada polos Estados Unidos e Israel contra Irán. De estarmos ante un conflito curto no tempo estariamos ante un escenario económico no que se podería ser "razoabelmente optimista" en canto ao seu baixo impacto, en palabras de Patricio Sánchez Fernández, profesor de Economía Financeira da Universidade de Vigo (UVigo) e subdirector do Foro Económico de Galicia. Mais de prolongarse a guerra, as consecuencias serían moito peores para non poucos sectores produtivos galegos e europeos.
"O elemento principal é ese, a duración", coincide Dolores Riveiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega). "Segundo a duración, muda o escenario, mais o peor a estas alturas para a economía é a incerteza". Hai efectos que xa están a se deixar notar, apuntan ambos a Nós Diario, como é o aumento do combustíbel e de determinados sobrecustes loxísticos. "A xeopolítica a condicionar a economía", sinala Fernández, que apunta a que eses aumentos de custos enerxéticos e de transporte acaban, finalmente, "por repercutir en todo".
Para Dolores Riveiro, os sectores galegos que máis se poden ver prexudicados son os que, como o da automoción ou o conserveiro, teñen un forte vector exportador e precisan de loxística para a súa produción e exportación. Sánchez sitúa como máis afectados todos aqueles sectores galegos que "dependan do transporte, de fretes a longa distancia". O corte do estreito de Ormuz está non só repercutindo na suba do petróleo e o gas, tamén na reconfiguración de rutas navieiras, que precisarán máis días e, por tanto, serán máis caras. A profesora da USC advirte da reacción en cadea: de se manter o aumento do prezo do petróleo e o gas poderíase chegar "a un aumento da inflación, por riba de 2%, o que obrigaría a adoptar medidas, por exemplo, nas institucións da Unión Europea que poderían levar a un aumento dos tipos de interese" e iso xa tería tamén efecto na vida diario dos cidadáns.
"Galiza debería de facer valer a súa produción de renovábeis para que non nos afecte tanto a suba do gas, que é un elemento do que non dependemos tanto" como outros sitios, sinala.
A ameaza de Trump
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, ameazou esta terza feira con romper o comercio co Estado español por non apoialo na guerra contra Irán. Unha ameaza que Patricio Sánchez e Dolores Riveiro vén difícil que se concrete na realidade e acabe afectando a Galiza. "Pode ter algún efecto nalgún sector en concreto que xa está a sufrir aranceis", apunta Sánchez. Para Riveiro, porén "as ameazas non teñen sentido. Nin o Estado español nin Galiza teñen ningún acordo con Estados Unidos, tenos a Unión Europea".
Neste sentido, afirma a investigadora do Idega, non se debe de perder de vista que Galiza e o Estado "importamos moito dos Estados Unidos", máis do que se exporta, polo que nunha paralización do comercio terían máis a perder os sectores estadounidenses. A balanza comercial entre Galiza e Estados Unidos de 2025 é claramente favorábel a estes, unha tendencia que se mantén desde hai anos. O ano pasado Galiza exportou a EUA por valor de 546,3 millóns de euros mais importou por 1.584 millóns, case tres veces máis. Aumentamos as compras a Estados Unidos en 22% a respecto do exercicio anterior —2024, cando importamos bens e servizos por valor de 1.292 millóns de euros—. Entre o que máis lles mercamos aos estadounidenses están, precisamente, os produtos enerxéticos: 1.170 millóns en 2025, onde multiplicamos por cinco as importacións do seu gas natural licuado (GNL). "Coa guerra de Ucraína deixouse de importar gas ruso e buscáronse outras fontes", apunta Patricio Sánchez, e Estados Unidos foi dos máis beneficiados.
Nos anos anteriores, entre 2022 e 2024, exportamos a Estados Unidos por valor de 2.226 millóns de euros; mais gastamos en importar produtos de alí por un total no mesmo período de máis de 4.406 millóns de euros. A balanza comercial é favorábel a Estados Unidos.
No que respecta a Oriente Próximo —aquí o IGE non desagrega por países— a Galiza realizou en 2025 exportacións por máis de 419 millóns de euros e importou por valor de 223,4 millóns. Aquí a balanza si que é de saldo positivo para a Galiza. As exportacións proceden sobre todo de sectores como a téxtil‑moda, a automoción, a industria metalmecánica e o sector conserveiro. Que esa zona é de interese para a economía galega ratifícao que a Xunta da Galiza abriu en 2024 unha "antena" (punto estratéxico) do Instituto galego de promoción económica (Igape) en Dubai, que actúa como base de operacións para pequenas e medianas empresas e clústeres galegos.
Sánchez di "Non á guerra"
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu onte nunha declaración institucional desde a Moncloa a negativa a permitir o uso das bases de Morón e Rota no operativo militar contra Irán, apelou ao dereito internacional e advertiu das consecuencias económicas dunha escalada bélica, mentres Washington ameazaba con romper relacións comerciais co Estado español. A comparecencia do mandatario español tivo eco na política galega. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, rexeitou as "ameazas" de Donald Trump, mais tamén se mostrou moi crítico coa reacción de Pedro Sánchez, ao que acusou de ir "por libre" por "intereses electoralistas" e advertiu de que podería ter "consecuencias moi malas" para o país.
Pola súa parte, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, rexeitou as ameazas de Trump contra o Estado español e reclamou ao Goberno "manterse firme na condena da agresión militar iniciada polos Estados Unidos de América e Israel contra Irán". Aliás, defendeu o fechamento das bases militares norteamericanas no Estado.
Pola súa parte, José Ramón Gómez Besteiro, portavoz do PSdeG, defendeu o discurso de Sánchez e afirmou que o Goberno español "está a actuar con coherencia e responsabilidade".