O prezo do diésel segue á alza e fulmina o efecto das medidas do Goberno estatal
Encher o depósito dun vehículo custa case 26 euros máis que hai un ano.
O prezo do diésel, a pesar da rebaixa fiscal aprobada polo Goberno estatal o pasado 20 de marzo, proseguiu esta semana coa súa tendencia alcista, 'coméndose' xa no chafariz o efecto das medidas aprobadas polo Executivo español para conter o impacto nos prezos da guerra no Irán.
En concreto, o prezo medio do litro de gasóleo situouse nos 1,884 euros, tras rexistrar unha alza de 3,91% con respecto á pasada semana, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.
Desta maneira, o diésel sitúa o prezo medio do seu litro por encima dos 1,883 euros que tocou na semana anterior na entrada en vigor das medidas o pasado 22 de marzo, e volve escalar a máximos desde mediados de novembro de 2022.
No caso do prezo medio do litro de gasolina, proseguiu coas caídas que principiou hai dúas semanas, ao amparo desas rebaixas fiscais aplicadas polo Goberno estatal, e baixou 0,06%, até os 1,552 euros.
Hai dúas semanas os carburantes frearon en seco a espiral alcista que os levara a encadear unha decena de semanas de subidas, ante o impacto pola crise no Oriente Próximo que disparou o prezo do barril de petróleo, mais que rapidamente viron desaparecer ese signo á baixa no prezo, especialmente para o diésel.
O pasado 20 de marzo, o Executivo, nun Consello de Ministros extraordinario, aprobou unha baixada a 10% do IVE de gasóleo, gasolina e outros hidrocarburos, así como a redución ao mínimo permitido pola UE do imposto especial de hidrocarburos e axudas especiais para os transportistas e o campo, para contrarrestar o incremento desta materia prima nos mercados internacionais tras as subidas do prezo do petróleo.
Encher o depósito do diésel custa case 26 euros máis
Cos prezos desta semana, encher un depósito medio de 55 litros de diésel ten un custo de 103,62 euros, uns 25,85 euros máis que hai un ano, cando ascendía a uns 77,7 euros.
Pola súa banda, para os vehículos de gasolina, encher un depósito medio (55 litros) supón un desembolso actualmente duns 85,36 euros, uns 3,08 euros máis que hai un ano, cando superaba os 82,28 euros.
Ambos os carburantes mantéñense aínda lonxe dos máximos que rexistraron no verán de 2022, en xullo, cando a gasolina alcanzou os 2,141 euros e o gasóleo os 2,1 euros.
O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica (independente da do petróleo), a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas.
Aliás, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente aos prezos dos carburantes, senón que o fai temporalmente.