Tensión ante a sinatura este sábado do acordo entre a UE e o Mercosur: PP e PSdeG apoian no Parlamento o tratado de libre comercio
O debate sobre o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur situouse esta sexta feira no centro axenda social e política da Galiza. Mentres os gandeiros e gandeiras mantiñan as protestas nas rúas de Lugo e Ourense, PP e PSdeG apoiaron na Cámara galega un acordo que só rexeitou o BNG.
A Unión Europea e Mercosur asinan este sábado en Asunción, na capital de Paraguai, un tratado de libre comercio concretado no denominado Acordo de Asociación UE-Mercosur (APEM) e no Acordo Comercial Interino (ATI). O primeiro deles regula os aspectos referidos ao diálogo político, á cooperación e ao comercio e o segundo recolle exclusivamente o marco comercial, fixando o relativo a aranceis, continxentes e acceso aos mercados internos de cada un dos bloques rexionais.
A sinatura destes dous documentos no implica a entrada de vigor do acordo que ten aínda por diante meses de tramitación. Así, o APEM deberá ser aprobado por maioría simple polo pleno do Parlamento europeo, por unanimidade formal polo Consello da Unión Europea e por cada un dos Estados membros. Pola súa banda, o API precisará da maioría simple do pleno da Cámara europea e da maioría cualificada de 55% dos Estados Consello da Unión Europea para entrar en vigor.
A próxima votación no Parlamento europeo sobre o pacto comercial entre Mercosur e a Unión Europea desenvolverase no pleno do vindeiro 21 de xaneiro en relación con dúas proposta de resolución, unha delas asinada pola europarlamentaria galega Ana Miranda, que se opoñen ao acordo comercial. Na mesma dirección, o 26 ou 27 de xaneiro someterase a debate na comisión Internacional da Cámara comunitaria as propostas sobre as cláusulas de salvagarda, unha decisión unilateral da Unión Europea que non fai parte do tratado e, por conseguinte, sen eficacia xurídica algunha fronte a terceiros países.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou esta sexta feira na Cámara galega unha iniciativa para rexeitar a acordo entre Mercosur e a Unión Europea e instar á "Xunta da Galiza a oporse ao acordo Mercosur-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego". O autor da proposición, Secundino Fernández, defendeu a proposta asegurando que "provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións e dará entrada a produtos alimenticios sen garantías, prexudicando tamén aos consumidores".
A proposición dos nacionalistas non saíu adiante ao votar en contra da mesma PP e PSdeG. Así, o deputado popular Miguel Angel Viso argumentou a posición favorábel dos populares ao tratado entre Mercosur e a Unión Europea malia recoñecer que "os riscos do acordo son máis importantes que os beneficios" e advertir dos seus "graves" impactos no sector agrario galego. Ao tempo, criticou ao Goberno do Estado por "negociar o acordo sen contar coas comunidades autónomas" e reclamou "medidas concretas" de salvagarda.
A parlamentaria socialista, Lara Méndez, cargou contra os nacionalistas por oporse ao acordo de libre comercio entre a Mercosur e a Unión Europea, afirmando que "non ten por que ser malo para Galiza". A este respecto, destacou as achegas do seu partido nas institucións comunitarias para mellorar os contidos do pacto comercial e reclamou "responsabilidade, rigor e firmeza das administracións", que "deben garantir a eficiencia nos controis, o uso real das ferramentas que habilita o acordo e demostrar capacidade de reforzo do mercado interno de carne na Galiza".
As protestas contra o tratado entre Mercosur e a Unión Europea continuaron esta sexta feira en Lugo e en Ourense. Así, na primeira delas desenvolveuse unha manifestación desde o edificio da Xunta da Galiza á sede da Subdelegación do Goberno do Estado, manténdose durante todo día os tractores na cidade. A este respecto, a presidenta de Agromuralla, unha das entidades promotoras da mobilización, Noelia Rodríguez, sinalou a Nós Diario que "pretendemos facer presión para impedir que se aprobe este tratado, que será moi bo para o sector automobilístico pero non para o sector primario".
"Sempre se utiliza o sector primario como moeda de cambio", apuntou Rodríguez, quen denunciou que "aos políticos non lles importa o medio rural, pero detrás das explotacións agrarias hai vidas e moitos anos de traballo e esforzos de varias xeracións". Ao tempo, alertou que de ir adiante do acordo de libre comercio entre Mercosur e a Unión Europea "Galiza vai pagar isto" e denunciou que "a Política Agraria Común (PAC) é un medio de coacción aos gandeiros".
Os tractores continuaron nas rúas de Ourense, onde levan emprazados desde hai dúas semanas. Precisamente, unha das principais demandas dos gandeiros e das gandeiras concentradas na cidade das Burgas é unha alternativa diante do problema que se pode xerar, no caso de que chegue a Galiza a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), cuestión que foi abordada esta sexta feira na Cámara galega a través dunha proposta do BNG que reclamaba "estabelecer de xeito inminente a vacinación fronte a DNC, garantindo a súa gratuidade e que esta sexa levada a cabo por parte de persoal propio da Consellaría en todo o país antes da chegada da enfermidade a Galiza". A iniciativa foi rexeitada polos votos dos populares.
A Xunta avala o pacto comercial con Mercosur
O tratado de libre comercio entre Mercosur e a Unión Europea foi debatido na xornada esta sexta feira nunha reunión plenaria do Consello Agrario Galego presidida pola conselleira de Medio Rural María José Gómez. Mentres a Xunta da Galiza, a Asociación Agraria Galega (Asaga) e Unións Agrarias (UUAA) defenderon o texto do acordo, o Sindicato Labrego Galego (SLG) rexeitou a proposta.
A resolución do Consello Agrario Galego reclamou que o acordo debe estar ligado á aplicación estrita de cláusulas de salvagarda e "cláusulas espello" que garantan que os produtos importados cumpran as mesmas exixencias que lles impoñen aos produtores galegos.
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, recoñeceu as "incertezas" existentes, pero sinalou os posíbeis efectos positivos do acordo, como a estabilidade na importación de proteína vexetal para a alimentación do gando. Nuns termos semellantes, o presidente de Asaga Francisco Bello, afirmou que "non lle teñen medo á competencia".
A secretaria xeral do SLG, María Ferreiro, advertiu de que o acordo con Mercosur "non é unha opción" e que non aceptan nin a negociación de salvagardas nin cláusulas espello, reclamando que agricultura e alimentación queden fóra do tratado se este sae adiante.