A planta de fibra branqueada que proxecta Ence nas Pontes recibe a autorización ambiental integrada por parte da Xunta
A Xunta da Galiza concedeu, segundo publica esta terza feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), a autorización ambiental integrada ao proxecto da planta de fibra reciclada e branqueada e ás súas infraestruturas auxiliares que Ence prevé erguer no concello das Pontes (O Eume), no que supón a culminación da tramitación ambiental tras a declaración de impacto (DIA) positiva asinada no mes de maio.
Coa autorización ambiental integrada, o proxecto pasa agora da Consellaría de Medio Ambiente á de Economía, que terá que volver analizar o proxecto para formalizar (ou non) o permiso definitivo da Xunta para a instalación desta nova planta.
O proxecto só contempla a primeira fase
Ence anunciou en 2022 que estudaba un novo proxecto para a produción de fibra branqueada mixta, a partir de papel e cartón recuperado, e de fibra virxe. A primeira fase do proxecto consiste nunha planta de fibra recuperada na que se inclúe a planta piloto de recuperación de fibras téxtiles, cunha liña de 100.000 toneladas anuais que, segundo dixo nese momento, podería estar operativa no ano 2026, cun investimento inicialmente estimado de 125 millóns de euros.
Outra das fases contempla unha planta de coxeración de 150 megawatts (MW) de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia eléctrica, mentres que a terceira, unha planta de tisú. En conxunto, Ence prevé levar a cabo un investimento total de até 355 millóns na realización das tres fases, que xerará, di, "perto de 1.250 postos de traballo". A Xunta, que agora emite a autorización ambiental integrada, xa declarara en xuño de 2023 como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto, dentro da área de transición xusta das Pontes ante o fechamento da central térmica de Naturgy nesta localidade.
Con todo, segundo xa corroboraran expertos coñecedores do proxecto consultados por Nós Diario tras analizar a DIA en detalle, polo de agora só se contempla a primeira fase do proxecto, a de recuperación de fibra a partir de papel e cartón reciclados para obter unha pasta branqueada. A fase relativa á parte enerxética, que en opinión dos expertos consultados, é a fase substancial que persegue Ence, non está contemplada. Tampouco conta aínda coa DIA nin coa autorización ambiental integrada a fase na que pasta sería convertida en papel tisú, a que si suporía o feche do ciclo produtivo.
Ademais, as fontes consultadas tamén destacan que no proxecto non hai mención algunha ao proxecto Regatex de recuperación de fibra téxtil a través de procesos químicos, unha actividade que Ence pretende desenvolver coa sueca Sharetex e que, con todo, a pasteira volveu defender hai uns meses como "un sistema innovador de reciclaxe téxtil". Na descrición do proxecto non aparece nada de téxtil, só de papel e cartón, insisten os expertos ao respecto.
Proxecto condicionado
Ademais, o proxecto está condicionado ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como no propia DIA, co fin de "minimizar e compensar os posibles efectos na contorna".
De obter luz verde tamén por parte da Consellaría de Economía, o prazo previsto para a construción e posta en marcha do proxecto é de dous anos. Así mesmo, a superficie en que se localizaría a planta proxectada ocupa unha área aproximada dunhas 47 hectáreas, na zona en que na actualidade se atopa o parque de almacenamento de carbón de Saa da antiga central térmica, próxima ao lago das Pontes.
O funcionamento da instalación require dunha serie de conexións externas como acceso rodado, captación de augas bruta, condución de vertedura e conexión de rede eléctrica. En relación ao consumo de auga para o proceso, a DIA indicaba que se instalará un sistema de captación de auga bruta no lago das Pontes cun consumo previsto de 205 metros cúbicos por hora. Tras o emprego industrial da auga e previa depuración, as verteduras posteriores da fábrica serían enviadas ao río Eume.
Entre as cautelas que existían na DIA de maio, os expertos consultados por Nós Diario destacaban a obriga de implementar melloras no proxecto no que atinxe á calidade do aire, concretamente por cheiros. A promotora tamén deberá realizar mudanzas con respecto a contaminantes e partículas.
Alén disto, engaden as fontes, hai un condicionante, mais non de obrigado cumprimento, polo que se considera conveniente realizar unha avaliación conxunta sobre os impactos acumulativos e sinérxicos que poden ter non só esta fábrica, senón tamén as de pneumáticos, hidróxeno e amoníaco que teñen solicitado caudal e autorización de verteduras no lago das Pontes.
Pola súa parte, segundo recollía a pasteira nun comunicado hai uns meses, o proxecto impulsado por Biofibras de Galicia –firma filial de Ence– no municipio das Pontes "é unha iniciativa pioneira en economía circular que combina a recuperación de fibras papeleiras e téxtiles, produción de enerxía renovábel e captura de CO₂, cun relevante impacto en materia de emprego e sostibilidade".
Fóra do Perte de descarbonización
Malia as bondades esgrimidas por Ence sobre o proxecto, este ficou fóra do programa de proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) de descarbonización, o mesmo do que tamén caeu o pasado mes de abril a factoría que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa), ademais de outras tres solicitudes.
A pasteira pedía 30 millóns de subvención para un orzamento total de actuación de 156 millóns de euros. Con todo, o proxecto desta compañía non alcanzou a puntuación mínima de emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas, o que provocou a súa exclusión do Perte e a consecuente denegación da axuda. Porén, Ence non tardou en volver a insistir en que continuará coa tramitación do proxecto nas Pontes que recibiu esta terza feira a autorización ambiental integrada.