A pensión media na Galiza é 189 euros menor que a do Estado español

Pensionistas paseando por Santiago (Foto: Arxina)
Segundo informou esta cuarta feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a pensión media na Galiza situouse en 1.176,82 euros este mes de febreiro, 4,9% máis que un ano antes, aínda así supón o segundo peor dato do Estado español.

A pensión media na Galiza situouse en 1.176,82 euros este mes de febreiro, 4,9% máis que un ano antes, aínda así supón o segundo peor dato do Estado español –só por riba de Estremadura, con 1.165,74 euros–, segundo informou esta cuarta feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A pensión media no Estado, pola súa parte, é de 1.366,2 euros (+4,5%), é dicir, 189 euros por enriba do dato galego. 

Mentres, a pensión media de xubilación sitúase en 1.347,7 na Galiza no segundo mes do ano, un total de 219 euros por baixo dos 1.566,81 euros da media estatal. Tamén neste caso é o segundo peor no conxunto do Estado, só mellor que o que ten Estremadura (1.337,4 euros). O propio Ministerio informa que este mes hai no país 490.021 pensións de xubilación.

Datos galegos de viuvez, incapacidade e orfandade 

Nos datos facilitados esta cuarta feira tamén figuran as cifras das pensións de viuvez, incapacidade permanente e orfandade. No caso das de viuvez, na Galiza a pensión é de 831,34 euros, que está tamén lonxe da estatal (972,79 euros). 

No caso da pensión de incapacidade permanente, na Galiza o seu importe é de 1.137,96 euros, 115,61 euros inferior aos 1.253,57 euros da media estatal. 

Por último, a pensión de orfandade é na Galiza de 549,93 euros (550,14 euros no Estado) e de 735 euros en favor de familiares (819,46 euros no Estado). Ademais, hai 100.928 pensionistas na Galiza que teñen algún complemento por motivos de fenda de xénero, cun importe medio de 70 euros.

Número de pensionistas

O número de pensións existentes na Galiza en febreiro de 2026 é de 787.441, un 0,65% máis na comparativa interanual. Supón 7,5% do total do Estado español de perto de 10,5 millóns de pensións. 

Así mesmo, hai un total de 698.168 pensionistas (poden ter máis dunha pensión) no país repartidos entre 354.322 mulleres e 343.844 homes.

A nivel estatal as persoas pensionistas suman un total de 9.452.148. En 2025 rexistráronse 375.324 novas altas en pensións de xubilación, das que 27,9% foron xubilacións anticipadas, cifra que se reduciu 12,1 puntos desde 2019, antes das reformas levadas a cabo polo Goberno español.